O Concello da Coruña da luz verde á cesión gratuíta do estadio de Riazor ao RC Deportivo por 25 anos
O Goberno municipal aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local o convenio que regula a cesión do estadio de Riazor ao RC Deportivo. O convenio mantén os mesmos termos do que actualmente rixe esa mesma cesión, un documento asinado no ano 2000 e con vixencia ata agosto do ano que vén. A cesión do estadio será por outros 25 anos e será, novamente, gratuíta. O convenio aprobado hoxe xa está asinado polas dúas partes.
Deste xeito, o Concello colabora co Dépor facilitándolle o uso e explotación do campo de xogo e as súas instalacións para que poida disputar os partidos igual que viña facendo até o de agora. O convenio estipula tamén, como no actualmente vixente, que en Riazor seguirá a desputarse o trofeo Teresa Herrera e mantén tamén, a petición do club, que o estadio teña a denominación ABANCA-Riazor nas competicións deportivas.
O Concello, que non percibirá ingreso algún pola cesión do estadio, colabora deste xeito para facilitarlle ao club a súa participación nas distintas competicións.
Reaccións á decisión
O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, alédase de que “se desbloquease a situación” entre o Goberno Local e o Deportivo e se inicie o proceso para aprobar un novo convenio de uso do estadio de Riazor (esta mañá o asunto viu a luz verde na Xunta de Goberno Local).
“É bo que se inicie de novo un período de colaboración entre o Concello e Deportivo. O Concello representa a todas as coruñesas e os coruñeses e o Deportivo, o clube máis representativo da cidade. Estamos, por tanto, ante unha boa noticia”, afirma Jorquera.