O Concello da Coruña confirma que hai servizos contratados sen “cobertura contractual”

ACoruñaXa
Así o afirmou o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, ao ser inquirido ao respecto pola concelleira Mercedes Queixas
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
2 may 2024

No IMCE hai “cuestións de xestión” orzamentaria a corrixir e servizos que “efectivamente se contrataron sen a cobertura contractual”, pero con “solicitudes de orzamento e informes de necesidade”.

Así o afirmou o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, ao ser inquirido ao respecto pola concelleira do BNG Mercedes Queixas.

“Si que pode ter habido unha xestión orzamentaria insuficiente debido a unha hiper-inflación da produción de eventos e o aumento dos cachés”, admitiu Castro.

“Hai que corrixir cuestións orzamentarias no IMCE? Si, mais é rotundamente falso que haxa contratos verbais na Coruña como se ten publicado nos medios”, dixo, afirmación que atopa un fácil desmentido se se le o informe do interventor que se achegou ao Consello Reitor do IMCE e que si recolle a existencia deses contratos verbais.

O propio Gonzalo Castro incorreu a seguir nunha contradición ao relacionar as distintas modalidades contractuais do IMCE. “Hai contratos xa rematados que se seguen prestando co prezo do contrato -como pasa con moitos servizos- hai contratos en vigor e hai servizos que efectivamente se contrataron sen a cobertura contractual, pero con solicitudes de orzamento e informes de necesidade”.

Pero é que ademais na propia memoria do IMCE que se someteu á consideración do seu Consello Reitor o concelleiro de Fomento e Promoción da cidade recoñecía que se fixeran gastos sen crédito suficiente, constituíndose por tanto como “actos irregulares”.

Vista a resposta do concelleiro responsábel do IMCE, o BNG lamenta que non anunciase o compromiso do Goberno Local de elaborar á maior brevidade posíbel un modificativo de crédito que contemplase todas as facturas pendentes de pagamento (por un importe, no mínimo, de 3,6 millóns de euros) e que dotase a entidade de recursos suficientes para financiar a programación cultural e as festas do verán neste 2024.

“O concelleiro non nos explicou por que se enviou ao Consello Reitor un modificativo que deixaba sen pagar 1,1 millóns de euros en facturas. A día de hoxe aínda ignoramos cantas facturas fican sen pagar”, salientou Queixas.

Deixar ese monte de facturas sen pagar é condenar á “asfixia económica” a un grande número de traballadoras e traballadores da cultura na cidade, “na súa grande maioría pemes e autónomos”, engadiu.