O Concello da Coruña completa a desmontaxe da pasarela provisional sobre Alfonso Molina

O Concello da Coruña completará a desmontaxe da pasarela provisional entre estacións habilitada nos primeiros meses do ano sobre a avenida de Alfonso Molina, no marco dos traballos para renovar de forma integral a pasarela orixinal que conecta a rúa Cabaleiros coa rolda das Estacións.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou da próxima retirada do van central da estrutura provisional, prevista para a noite deste domingo 21 ao luns 22. Debido á complexidade da intervención, será necesario realizar un corte de tráfico nocturno neste tramo de Alfonso Molina, aínda que se habilitarán desvíos para facilitar a entrada e saída da avenida a través dos ramais próximos.
Este paso prodúcese en paralelo aos avances na rehabilitación da pasarela orixinal, que foi sometida a un plan integral de melloras executado en taller durante o primeiro semestre do ano co obxectivo de recolocala no seu emprazamento inicial, xa saneada e reforzada para mellorar a seguridade peonil ao longo de todo o seu percorrido.
A infraestrutura reabriuse parcialmente a comezos de xuño e o Concello prevé completar a súa posta en servizo nas vindeiras semanas.
Noemí Díaz destacou que se trata dunha intervención especialmente sensible, ao ser un paso peonil utilizado diariamente por milleiros de persoas e que conecta a estación de autobuses, a intermodal e os barrios de Catro Camiños e Os Mallos. Segundo explicou, a actuación desenvolveuse de forma gradual para garantir a continuidade do tránsito peonil durante todo o proceso.
A intervención municipal conta cun investimento de preto dun millón de euros e permitirá tamén mellorar a accesibilidade da pasarela respecto á súa configuración anterior.