O Concello da Coruña comezará o luns as obras para renovar a rúa Ramón de la Sagra

O Concello da Coruña porá en marcha o vindeiro luns as obras de humanización da rúa Ramón de la Sagra, unha intervención que conta cun orzamento que supera os 320.000 euros. Os traballos afectarán a unha das vías de acceso máis transitadas cara ao centro da cidade e permitirán actualizar o conxunto de elementos desta zona urbana e residencial, dotándoa de mellores condicións de accesibilidade.
Segundo explicou a alcaldesa, Inés Rey, entre as actuacións previstas figura a substitución do pavimento actual, co obxectivo de dotar a rúa dun aspecto renovado e de mellorar ao mesmo tempo a súa resistencia e a comodidade para quen camiña por ela. A rexedora sinalou que esta renovación “inclúen a renovación dos pavimentos para garantir, ademais dunha revalorización estética, unha maior durabilidade e comodidade para os peóns”.
Outra das medidas contempladas pasa por ampliar a anchura dun dos lados da beirarrúa, co fin de facilitar o paso dos viandantes. Esta decisión enmárcase nos criterios que o goberno local vén aplicando nas distintas humanizacións xa executadas ou en marcha noutros puntos da cidade.
O proxecto tamén inclúe unha ampliación das zonas verdes, coa plantación de novos exemplares de arboredo. Esta repoboación concentrarase especialmente no tramo próximo ao cruzamento coa avenida Linares Rivas, no contorno da intersección entre Ramón de la Sagra e a avenida Molina, aínda que se colocarán novas árbores ao longo de todo o percorrido da rúa. A isto súmase a renovación do mobiliario urbano, que incorporará novos bancos.
En materia de saneamento, instalarase unha nova rede de pluviais, con conexións ampliadas respecto das actuais, e procederase tamén a recolocar os sumidoiros existentes. Doutra banda, para reforzar a seguridade viaria e mellorar a mobilidade na zona, elevaranse os pasos de peóns xa existentes, unha medida orientada a reducir a velocidade de circulación dos vehículos.
En conxunto, o Concello define esta intervención como a creación dun novo itinerario peonil, completamente equipado, que mellorará tanto a accesibilidade como a seguridade viaria deste tramo da cidade.