O Concello da Coruña celebra a súa tradicional recepción de Nadal

ACoruñaXa
Inés Rey destaca os logros de 2024 e a designación da cidade como sede do Mundial 2030
Recepción Nadal Coruña
19 Dec 2024

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu hoxe a tradicional recepción cidadá de Nadal no Palacio de María Pita, que contou coa participación de máis de 400 representantes do tecido social, cultural, deportivo e económico da cidade. O acto estivo marcado pola música da Escola Municipal de Música e do coro ‘El Acorde Secreto’, que puxeron o ton festivo con pezas como 'Santa Claus is Coming to Town' e 'Happy Christmas'.

Durante o evento, Rey fixo un balance detallado do ano, destacando como gran logro a designación da Coruña como sede do Mundial de Fútbol 2030, converténdose na cidade máis pequena en conseguir este privilexio. “Quizáis sexa iso o que nos define: cidade pequena no formal, cidade moi grande na vocación”, afirmou. Segundo a alcaldesa, o Mundial traerá un impacto positivo duradeiro para a cidade e representa a ambición colectiva que caracteriza á Coruña.

Outro dos avances destacados foi o crecemento demográfico, acadando os 249.261 habitantes, unha cifra histórica que consolida á Coruña como motor de Galicia. Ademais, subliñou a baixada do paro e os avances no emprego, sinalando que a cidade vive unha das súas mellores etapas neste aspecto.

A alcaldesa tamén puxo en valor o talento local, recoñecendo os Premios Nacionais a Manuel Rivas e Bea Lema como exemplos do potencial cultural emerxido dos barrios da cidade. Paralelamente, fixo un chamamento á igualdade e á loita contra a violencia machista, lembrando que 46 mulleres foron asasinadas este ano: “É unha urxencia democrática actuar contra esta lacra”.

Rey rematou reivindicando o papel solidario da cidadanía durante a traxedia da DINA e o labor exemplar de Protección Civil e os Bombeiros. “Somos unha cidade ambiciosa e solidaria. Imos conservar e facer medrar o noso orgullo e a nosa vocación de liderado”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.48594212532043