O Concello da Coruña avanza con novos proxectos e investimentos estratéxicos
Na sesión plenaria desta mañá, o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, avanzou que o Concello acometerá o ano que vén o que será o seu primeiro estudo sobre a calidade da prestación dos servizos municipais, unha iniciativa “que comezan a facer a maior parte de concellos que teñen políticas avanzadas no referente a servizos de calidade”.
Ademais, Lage tamén informou de que no segundo semestre deste ano se presentará o Plan Estratéxico de Subvencións, unha medida “en materia de transparencia no eido económico” e na que se prevé dar participación aos diversos grupos municipais e entidades sociais da cidade.
Lage expuxo, a maiores, que as negociacións para concretar os Orzamentos Municipais de cara ao ano 2025 comezarán no vindeiro mes de setembro.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, tamén informou durante o pleno de hoxe sobre os últimos avances en relación á remodelación do Camiño do Cura, nos Rosales. Este espazo será recuperado como senda peonil, conectando as rúas Simón Bolivar e Alfonso Rodríguez Castelao. O contrato para redactar o proxecto da senda foi adxudicado o pasado 7 de marzo, cun prazo de catro meses para a súa finalización. Posteriormente, procederase á licitación das obras de mellora, respondendo así a unha das principais demandas dos veciños e veciñas do barrio dos Rosales.
Noutra orde de asuntos, no pleno de hoxe aprobouse definitivamente un modificativo de crédito por valor de 7,2 millóns de euros para facer fronte a investimentos e servizos prestados. A maior parte desta partida (concretamente, 5,2 millóns) será afrontada con cargo ao remanente líquido da tesourería para gastos xerais. O importe restante acometerase mediante baixas de crédito dos actuais orzamentos, atendendo, por exemplo, a partidas orzamentarias nas que xa se prevé un aforro para o Concello.