O Concello da Coruña asume a titularidade plena da Cidade das TIC e anuncia un investimento de máis de 11 millóns de euros

ACoruñaXa
Inés Rey e o reitor Ricardo Cao formalizan o traspaso do antigo complexo da Fábrica de Armas para acelerar o polo tecnolóxico, con tres novos edificios para a UDC
A CORUÑA firma cidade tic
26 Jan 2026

O proxecto da Cidade das TIC dá un novo paso coa sinatura do convenio que fixa o traspaso do complexo da antiga Fábrica de Armas ao Concello da Coruña. O acordo, rubricado esta mañá no Palacio de María Pita pola alcaldesa, Inés Rey, e polo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, consolida a titularidade municipal do enclave e abre a porta ao remate das infraestruturas pendentes para consolidar o polo de innovación.

Segundo explicou o consistorio, o plan contempla un investimento municipal de máis de 11 millóns de euros ao longo dos vindeiros catro anos para impulsar a Cidade das TIC, con obras e actuacións previstas ata 2028 (cunha posible prórroga posterior). O Concello financiará a creación de tres novos edificios vinculados á actividade universitaria, mentres que a UDC manterá a coordinación académica das iniciativas de docencia, investigación, transferencia e divulgación.

O convenio tamén fixa o réxime de uso de parte do recinto: o Concello cederá gratuitamente á UDC tres inmobles (os edificios 1, 7 e 9) para o desenvolvemento do proxecto. Rey lembrou que nos últimos anos xa se investiron máis de 3 millóns de euros no ámbito da Cidade das TIC e defendeu que este acordo permite avanzar cara a un espazo capaz de atraer talento e investimento e situar A Coruña na vangarda europea.

A Cidade das TIC ocupa os terreos cedidos polo Ministerio de Defensa á UDC no ano 2020 e esténdese por máis de 128.000 metros cadrados no ámbito de Pedralonga. O recinto xa acolle iniciativas en marcha e infraestruturas vinculadas á innovación e ao sector audiovisual, incluído un gran plató virtual impulsado en colaboración público-privada.

⚙ Configurar cookies
0.08634614944458