O Concello da Coruña aproba Plan de Contratación Pública 2024
Este luns a Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou o Plan de Contratación Pública 2024, un documento que recolle as principais liñas estratéxicas de investimento previstas polo Concello tanto para este ano como de cara aos vindeiros exercicios.
A alcaldesa Inés Rey explicou, en rolda de prensa, que “este documento é unha ferramenta de planificación e programación, na que cada área de xestión municipal determina as súas principais previsións contractuais a curto, medio e longo prazo. Por tanto estamos ante a folla de ruta do Concello en cada área de xestión, de forma transparente. Non esquezamos que este Goberno municipal foi o primeiro en aprobar un Plan Anual de Contratación, poñendo en valor a contratación pública como o que é: unha ferramenta clave para a creación de emprego e riqueza nunha cidade, contribuíndo á dinamización económica da cidade”.
Neste sentido, as previsións establecidas no Plan de Contratación Pública 2024 recollen ata 305 contratos, cun valor total de 518 millóns de euros. “Falamos de estimacións a curto, medio e longo prazo, xa que eses 518 millóns inclúen, por exemplo, o importe que, se prevé, será necesario para costear o novo contrato de xestión e tratamento de residuos en Nostián, que será licitado de forma inminente”, expuxo Inés Rey.
O documento tamén recolle iniciativas do Concello en materia de vivenda. Por exemplo, os 10 millóns de euros cos que o Concello afrontará a construción dun edificio de 50 vivendas de promoción pública en Xuxán, que estará localizado na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal situado entre as rúas Longarela e Cernadas. O proxecto para construír este edificio xa se aprobou semanas atrás en Xunta de Goberno.
No Plan tamén figuran, por outra banda, partidas incluidas nos Orzamentos de este ano. Por exemplo, os 7,6 millóns comprometidos para remodelar os Cantóns entre Juana de Vega e a sede da Autoridade Portuaria.
“O Plan de Contratación Pública do Concello é, en definitiva, unha ferramenta de planificación e tamén axuda a visibilizar a actividade económica e contractual, que tamén se pode consultar a través do portal web de transparencia habilitado a finais de 2022. Esta plataforma de contratos recolle, por exemplo, os datos de licitación e adxudicación do Concello ano a ano”, lembrou a alcaldesa.