O Concello da Coruña aproba a segunda fase do proxecto de reurbanización do grupo de vivendas María Pita, en Labañou

ACoruñaXa
Os traballos contan cun investimento próximo ao millón de euros e centraranse en mellorar a accesibilidade e aumentar a seguridade viaria nas inmediacións dos bloques residenciais
ines-rey-vivenda-labañou
3 Dec 2025

O Plan de Barrios 2025-27 avanza na Coruña coa adxudicación da segunda etapa das obras de mellora no grupo de vivendas María Pita, situado no barrio de Labañou. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto que contempla un investimento próximo ao millón de euros, financiado con fondos europeos Next Generation.

A alcaldesa, Inés Rey, explicou que esta fase se centrará en mellorar a accesibilidade e aumentar a seguridade viaria nas inmediacións dos bloques residenciais, ademais de modernizar as infraestruturas e ampliar as zonas verdes e espazos de lecer para os veciños. “Apostamos por gañar máis accesibilidade para as veciñas e veciños e a implementación de medidas de reforzo da seguridade viaria na contorna dos bloques de vivendas. Tamén melloraremos as infraestruturas da zona e incrementaremos as áreas verdes e superficies de lecer para a veciñanza respecto ás que hai agora”, detallou.

A empresa UTE Citanias - Aglomerados y Construcciones Valdeorras será a encargada de executar as obras tras resultar adxudicataria do contrato.

En paralelo, o Concello aprobou un protocolo que asinará proximamente coa compañía Repsol e a Asociación de Veciños de Bens-Mazaído para facilitar a construción dun parque infantil nunha parcela de 1.100 metros cadrados situada entre ambos núcleos.

Segundo o acordo, Repsol realizará unha achega económica á asociación veciñal para adquirir o terreo, que despois cederá ao Concello para que se encargue da execución do parque. Esta zona de xogos estará próxima ao local veciñal e á pista deportiva cuberta da área.

A alcaldesa valorou esta colaboración como “un bo exemplo de como a colaboración público-privada ten un impacto positivo sobre a veciñanza, dando resposta ás súas necesidades”.

Outra das medidas aprobadas hoxe inclúe a licitación para a adquisición de máis de 4.100 novos contedores que mellorarán o sistema de recollida de lixo, especialmente a fracción orgánica. Entre eles, 650 unidades de carga lateral de gran capacidade, con innovadores sistemas de peche electrónico e control automático de enchido, e outros 3.500 contedores de carga traseira para recollida domiciliaria.

A alcaldesa subliñou que esta inversión, que tamén conta con fondos europeos, será complementada proximamente coa instalación de novos mini-puntos limpos, imprescindibles para optimizar a separación de residuos na orixe.

Por último, o Concello concedeu a licenza para a construción de 45 novas vivendas nun solar situado na ronda de Outeiro, cun investimento estimado de 4,2 millóns de euros.

Ademais, autorizouse a rehabilitación integral de dous edificios en ruínas situados na rúa Orzán, números 46 e 48, que pasarán a destinarse a uso residencial. A alcaldesa destacou que estas actuacións forman parte do esforzo municipal para revitalizar inmobles deteriorados e contribuír á oferta de vivenda na cidade.

“Ambos os edificios estaban en ruínas, ante a inacción da propiedade respecto das súas obrigas atendendo á normativa municipal. Ademais, Urbanismo emitiu expedientes sancionadores ao respecto este mesmo ano. Ao conceder a licenza para recuperalos, avanzamos co noso obxectivo de contribuír á rehabilitación de inmobles na Coruña e facilitar así a creación de máis vivenda na cidade”, afirmou Inés Rey.

⚙ Configurar cookies
0.077555894851685