O Concello da Coruña activa dende este martes o Plan Municipal de Incendios
Este martes, 16 de abril, o Concello da Coruña activou o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais 2024 para a preparación do termo municipal ante as posibles alertas de incendios na época estival. O Plan Municipal en vigor foi aprobado polo Goberno de Inés Rey en abril do 2020, delimitando a rede secundaria de franxas de xestión de biomasa de acordo coa Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
En canto aos terreos delimitados no Plan Municipal, o Concello conta con preto dun milleiro de parcelas afectadas, das cales a maioría son de titularidade privada. Dende o servizo de Medio Ambiente procederon á notificación ás persoas titulares de 615 parcelas, nunha carta con información relativa á parte da parcela sobre a que deben realizar a limpeza. Os traballos a realizar consisten na roza e retirada da biomasa existente, coñecida como maleza, así como a curta das especies arbóreas prohibidas, entre elas piñeiros, eucaliptos, toxos, silveiras ou acacias. A súa limpeza evita a propagación do lume en caso de incendio, garantindo unha maior seguridade.
As persoas titulares teñen ate o 31 de maio para realizar a roza. Unha vez rematado o prazo, o servizo de Medio Ambiente comprobará se se levou a cabo a xestión da biomasa, requerindo novamente a aquelas que non o fixeran para que o executen nun prazo máximo de 15 días naturais.
A maioría das parcelas con risco están en San Pedro de Visma, parroquia declarada como de alta actividade incendiaria, así como Elviña e San Cristovo das Viñas. Considéranse terreos afectados os localizados nunha franxa de 50 metros perimetrais do solo urbano, núcleo rural ou urbanizable xunto con edificacións e vivendas illadas, urbanizacións,
depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais así como construcións illadas en solo rústico.