O Concello adxudica as obras para mellorar a accesibilidade de 11 paradas de autobús
A Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña reuniuse este mércores 7 de febreiro en sesión ordinaria, encontro no que se aprobou adxudicar á empresa Manuel Rivas Boquete as obras correspondentes á renovación e adaptación de 11 paradas de autobús da cidade. "O obxectivo é facelas accesibles a todas as persoas usuarias, con especial atención ás que teñen mobilidade reducida", sinalou Inés Rey na rolda de prensa desta mañá.
A maior parte das paradas que se someterán á remodelación están repartidas entre os barrios do Castrillón, Os Castros e Eirís, mais tamén está previsto actuar en Monte Alto e Catro Camiños.
As obras para concretar a remodelación destas 11 paradas contan cun orzamento de 656.000 euros, e o prazo estimado para executalas é de oito meses. Esta iniciativa forma parte das actuacións financiadas a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation, na que o Concello obtivo 9,1 millóns por parte do Goberno estatal, en abril do ano pasado.
"Falamos dun plan de intervencións que se irán levando a cabo de forma progresiva, e que se irá estendendo a todos os barrios da Coruña co obxectivo de que todas as paradas de autobús da cidade atendan ás necesidades da cidadanía", sinalou a alcaldesa da cidade.