O comercio volve á folga este martes en defensa dos convenios provinciais

GaliciaXa | ACoruñaXa
A xornada incluirá unha concentración ás 12.00 horas diante da CEC, na Coruña, e unha manifestación en Vigo contra a aplicación do convenio estatal de ARTE
A CORUÑA folga arte
1 Jun 2026

As traballadoras e traballadores do comercio están chamados a unha nova xornada de folga este martes, 2 de xuño, para reclamar un acordo interprofesional galego que garanta a prioridade dos convenios provinciais fronte ao convenio estatal de ARTE.

A convocatoria chega coincidindo coa reunión prevista en Madrid, na que está previsto avanzar na sinatura definitiva do convenio estatal tras o preacordo acadado a pasada semana entre a gran patronal do téxtil e do calzado e os sindicatos CCOO e FETICO.

Os convocantes advirten de que a aplicación dese marco estatal podería supoñer recortes en dereitos laborais e salarios con respecto ás condicións recollidas nos convenios provinciais. Por iso, reclaman un acordo en Galicia que blinde a aplicación dos convenios de cada provincia, seguindo o modelo xa pactado no País Vasco.

A xornada de folga irá acompañada de mobilizacións en distintos puntos. Na Coruña está convocada unha concentración ás 12.00 horas diante da Confederación de Empresarios da Coruña, na praza de Luís Seoane. En Vigo, a protesta arrincará ás 11.15 horas cunha manifestación desde o cruzamento da Gran Vía coa baixada ao Castaño.

Na Coruña, o persoal do sector mantén desde o pasado luns 25 de maio unha acampada reivindicativa diante da CEC. A protesta busca presionar á patronal provincial, á que sinalan como a máis remisa a asinar un acordo marco galego que asegure a prevalencia dos convenios provinciais.

Ademais, os representantes dos traballadores denuncian que o empresariado coruñés tampouco quere constituír a mesa de negociación do convenio provincial de comercio vario, caducado o pasado 31 de decembro e pendente de renovación.

A folga deste martes supón un novo paso no conflito aberto no sector, no que o persoal reclama manter as condicións propias dos convenios provinciais e evitar que o futuro convenio estatal marque un retroceso nas relacións laborais do comercio galego.

0.51946306228638