O comercio presiona á patronal coruñesa para blindar os convenios provinciais

GaliciaXa | ACoruñaXa
Traballadoras e traballadores do sector concentráronse diante da CEC coincidindo cunha nova reunión en Madrid da mesa estatal de 'ARTE'
A CORUÑA cec comercio
27 May 2026

Traballadoras e traballadores do comercio concentráronse este mércores diante da sede da patronal coruñesa, na praza de Luís Seoane, para reclamar un acordo interprofesional galego que garanta a prevalencia dos convenios provinciais fronte ao convenio estatal de 'ARTE', actualmente en negociación en Madrid.

A protesta coincidiu cunha nova xuntanza da mesa estatal, dentro dun calendario de reunións previstas para os días 27 e 28 de maio e 2 de xuño. A representación sindical teme que estas citas poidan acelerar o peche dun acordo que consideran lesivo para o persoal do sector, especialmente para as persoas empregadas nas grandes cadeas do téxtil, calzado e comercio asociado.

As traballadoras mobilizadas rexeitan o convenio impulsado pola Asociación Retail Textil España, na que se integran multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark, Uniqlo, Tendam, Kiabi, Bimba&Lola ou Tezenis. Segundo denuncian, este marco estatal podería supoñer recortes en salarios, dereitos sociais e condicións laborais xa recoñecidas nos convenios provinciais.

Desde a CIG-Servizos, o seu secretario nacional, Carlos Alján, advertiu de que o novo convenio podería traer consigo retrocesos como salarios máis baixos, traballo obrigatorio en domingos e festivos, perda do complemento de incapacidade temporal ou da antigüidade. Por iso, defende que a única vía para frear esa posibilidade é manter a mobilización.

A concentración tivo lugar no terceiro día da acampada iniciada por persoal do comercio diante da Confederación de Empresarios da Coruña. As persoas participantes reclaman á patronal coruñesa que desbloquee a constitución da mesa de negociación do convenio provincial de comercio vario, caducado desde o pasado 31 de decembro.

Os sindicatos acusan á patronal da Coruña de ser a máis reticente á hora de avanzar nun acordo galego para o sector. Consideran que a CEC está a frear tanto a renovación do convenio provincial como a posibilidade de sentar ás patronais das distintas provincias para negociar un marco galego que protexa os dereitos vixentes.

A acampada continuará nos vindeiros días e a parte social xa anuncia novas mobilizacións nas próximas semanas. As persoas que participan nas quendas rotatorias agradeceron tamén o apoio recibido pola veciñanza de Monelos e polos locais de hostalería da contorna.

0.11895489692688