O comercio galego planta cara ao convenio estatal ARTE tras a súa firma en Madrid

GaliciaXa | ACoruñaXa
A CIG alerta de perdas salariais e laborais e pide á patronal galega que blinde os acordos provinciais
A CORUÑA folga comercio 02.06.2026
2 Jun 2026

As traballadoras e traballadores do comercio galego secundaron este martes unha nova xornada de folga contra o convenio estatal ARTE, un acordo que a CIG considera prexudicial para o sector en Galicia. A mobilización tivo lugar coincidindo coa reunión prevista en Madrid para a sinatura do texto definitivo por parte da patronal e dos sindicatos CCOO e Fetico.

As protestas desenvolvéronse na Coruña e Vigo cunha mensaxe central: reclamar á patronal galega un acordo interprofesional que garanta a prioridade dos convenios provinciais fronte ao marco estatal. A central nacionalista sostén que o convenio ARTE, impulsado polas grandes empresas do téxtil e do calzado, suporá un retroceso nas condicións acadadas nos últimos anos a través da negociación colectiva en cada provincia.

Durante a mobilización, a CIG instou as organizacións empresariais galegas a avanzar nun modelo propio, como xa se fixo no País Vasco, ou a abrir a negociación dun convenio galego para o comercio. O obxectivo, segundo o sindicato, é evitar que as condicións do persoal queden subordinadas a un acordo estatal que cualifican de lesivo para o sector.

A protesta mantén tamén a presión sobre a patronal coruñesa. As persoas mobilizadas levan desde o pasado luns 25 acampadas diante da sede da Confederación de Empresarios da Coruña e acordaron continuar con esta medida ante o que consideran unha falta de resposta ás súas demandas. A CIG critica ademais que non se constituíse aínda a mesa de negociación do convenio de comercio vario da provincia, que está pendente de renovación.

A delegada da CIG Lucía Domínguez censurou que a patronal non respondese ás solicitudes de negociación presentadas pola central sindical e apuntou ao papel do Grupo Inditex, ao que sitúa entre os principais impulsores da asociación empresarial ARTE e como unha das compañías con maior peso no sector.

Segundo a CIG, a aplicación do convenio estatal terá consecuencias inmediatas para o persoal de nova incorporación. O sindicato calcula que na Coruña e Pontevedra estas persoas poderían percibir entre 2.000 e 5.000 euros menos ao ano que o persoal xa contratado, mentres que en Lugo e Ourense advirte da desaparición do complemento de antigüidade.

O representante da CIG na mesa de negociación, Roberto Pérez, alertou ademais de que o texto suporá outros retrocesos sociais e laborais. A central sindical avanzou que se dirixirá ás empresas nas que conta con representación para pedirlles un compromiso por escrito de non aplicación do convenio estatal ou, cando menos, de mantemento das actuais condicións salariais, laborais e sociais.

0.12040090560913