O comedor do CEIP Parga Pondal continúa á espera dunhas obras comprometidas pola Xunta

ACoruñaXa
O Concello de Oleiros denuncia que as obras comprometidas seguen sen comezar e advirte do deterioro das instalacións nas que come o alumnado
OLEIROS parga pondal
17 Jul 2026

O Concello de Oleiros reclamou á Xunta de Galicia o inicio inmediato das obras de reforma do comedor do CEIP Parga Pondal, en Santa Cruz, despois de que, segundo asegura o goberno local, os traballos comprometidos continúen sen executarse a poucas semanas do comezo do novo curso escolar.

Desde o executivo municipal lembran que tanto o Concello como a ANPA do centro levan tempo reclamando a renovación destas instalacións. A actuación estaba prevista inicialmente para o verán de 2025 e, posteriormente, foi aprazada a este ano. Con todo, denuncian que as obras aínda non comezaron.

Segundo explica o Concello, o comedor presenta un importante estado de deterioro, con paredes danadas, humidades e filtracións de auga, unha situación que consideran incompatible co uso diario por parte do alumnado.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, manifestou a súa preocupación pola falta de avances e reclamou que a intervención estea rematada antes do inicio das clases. "Xa fai case un mes que acabou o curso e non vemos movemento de ningún tipo. Esta obra ten que facerse antes de que comecen outra vez as clases. Non imos permitir que os nenos e nenas do colexio de Santa Cruz teñan que comer nese espazo", afirmou.

O goberno local lembra que a conservación e reforma das instalacións educativas é competencia da Xunta de Galicia, mentres que aos concellos lles corresponden unicamente os labores de mantemento menor. Neste sentido, critica a demora na execución desta actuación.

Mentres agarda pola intervención autonómica no comedor, o Concello asegura que continúa realizando diferentes obras de mantemento nos centros educativos do municipio aproveitando o período estival. No caso do CEIP Parga Pondal, xa están en marcha os traballos de renovación da cuberta e do pavimento do pavillón Arsenio Iglesias, atendendo ás peticións da dirección do centro e da ANPA.

0.13811492919922