O Club Ximnasia Pavillón organiza en Ourense a XX edición do seu Torneo de Nadal, con máis de 600 deportistas de toda Galicia

GaliciaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O evento tamén servirá para recoller alimentos e colaborar cunha entidade que apoia a menores con cancro
XX Teorneo de Nadal Club Ximnasia Pavillón Ourense
24 Nov 2026

Os clubs Ximnasia Pavillón e Ximnasia Escola Pavillón porán en marcha a vixésima edición do seu torneo nadalego de ximnasia, que nesta ocasión renderá homenaxe a Marosa Salgado Madriñán. A cita reunirá máis de 600 deportistas procedentes de distintos clubs galegos, repartidos en dúas xornadas que se celebrarán en datas distintas para se adaptaren aos calendarios deportivos das participantes e á dispoñibilidade das instalacións.

A primeira xornada terá lugar o sábado 28 de novembro, na pista central do Pavillón dos Remedios, entre as 11.00 e as 13.30 horas, e estará dedicada á ximnasia rítmica, á estética de grupo e á ximnasia xeral. O programa combinará a competición de conxuntos de nivel absoluto con exhibicións de distintos equipos, entre eles os dos clubs organizadores, a Escola Deportiva de Barbadás e a Escola Ximnasia Burgas, ademais doutras escolas e clubs de Galicia.

No apartado competitivo, o protagonismo recaerá nos conxuntos absolutos que preparan a súa participación no Campionato de España de Conxuntos, previsto para decembro en Valladolid. Competirán agrupacións das categorías infantil, júnior, sénior e primeira categoría.

As exhibicións desta xornada xirarán arredor do tema 'Festas do Mundo', para o que ximnastas e adestradores prepararon exercicios cun marcado carácter festivo. Ao rematar a xornada lembrarase un fito na traxectoria do club: cúmprense trinta anos desde que un conxunto de rítmica do Pavillón competiu por primeira vez nun Campionato de España, en decembro de 1996.

Acción solidaria con dúas entidades sociais

Como en edicións anteriores, o torneo servirá de marco para unha recollida de alimentos destinada á Asociación Xuvenil Amencer, co propósito de superar a cantidade reunida en anos anteriores.

Ademais, a organización decidiu sumar esta edición ao compromiso de dedicar os seus eventos a causas sociais, colaborando neste caso con Bicos de Papel, unha asociación que acompaña nenos e nenas con cancro e as súas familias, incluídas as de Ourense que deben desprazarse ata Vigo para recibir tratamento. Durante as dúas xornadas do torneo, esta entidade disporá dun espazo informativo nas instalacións para explicar o seu labor e as formas de colaborar con ela. Entre os seus recursos destaca unha vivenda de acollida próxima ao Hospital Álvaro Cunqueiro, que ofrece aloxamento gratuíto ás familias desprazadas.

Á xornada de rítmica e estética de grupo están chamados a participar clubs como Viravolta (Santiago de Compostela), María Barbeito (A Coruña), Maniotas (Vigo), Ximnasia Porriño (O Porriño), Agarimo (Marín), a Escola Deportiva de Barbadás, o Club Deportivo Madre Trinidad - Miraflores (Ourense), a Escola Ximnasia Burgas (Ourense) e os dous clubs organizadores de Ourense.

A segunda xornada do torneo, centrada na ximnasia de trampolín, celebrarase o sábado 19 de decembro no anexo do Pavillón dos Remedios. O horario desta sesión está aínda pendente de confirmación, e a organización anunciou que facilitará proximamente máis detalles ao respecto.

0.15058898925781