O Club Piragüismo Ría de Betanzos presenta a nova tempada cunha aposta pola canteira e o futuro do deporte

O Cine Alfonsetti de Betanzos acolleu a presentación oficial da nova tempada do Club Piragüismo Ría de Betanzos, unha cita que serviu para poñer en valor o traballo realizado pola entidade e dar a coñecer o equipo deportivo, os patrocinadores e as competicións previstas para as próximas semanas.
O acto desenvolveuse baixo o lema “Do legado ao futuro” e reuniu deportistas de todas as categorías, desde os máis pequenos ata os veteranos, ademais de familiares, adestradores, representantes institucionais e membros da Federación Galega de Piragüismo. Entre os asistentes atopábanse o deputado provincial de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, e a alcaldesa de Betanzos, María Barral.
Durante a súa intervención, Rioboo destacou o valor do deporte de base e o papel que desempeñan os clubs na formación de novas xeracións de deportistas. O deputado sinalou que a entidade representa un exemplo de continuidade, ao reunir nun mesmo proxecto a nenos e nenas que comezan a súa andaina deportiva, mozos que evolucionan na competición e veteranos que continúan transmitindo experiencia e compromiso.
O representante provincial tamén incidiu na estreita relación existente entre Betanzos e o piragüismo, unha disciplina profundamente ligada á ría e ao río Mandeo. Neste contexto, lembrou a traxectoria de Carlos Arévalo, quen iniciou a súa carreira deportiva no club betanceiro en 2001 antes de converterse en medallista olímpico e campión mundial.
Rioboo destacou que exemplos como o de Arévalo constitúen unha referencia para os integrantes máis novos da entidade, ao demostrar que os grandes logros deportivos poden ter a súa orixe nos clubs locais e no esforzo diario desenvolvido desde a base.
A presentación serviu tamén para anunciar as regatas oficiais que se celebrarán os días 12 e 13 de xuño, unhas citas nas que Betanzos volverá converterse nun dos principais puntos de encontro do piragüismo galego. O deputado convidou á cidadanía a participar nestes eventos e a apoiar aos deportistas que competirán nas diferentes categorías.
Durante a gala púxose ademais en valor o momento deportivo que atravesa o club, que chega á nova campaña tras obter destacados resultados no último Circuito Deputación da Coruña de Piragüismo. Entre eles sobresae a vitoria por equipos acadada na regata disputada en Miño, así como o bo rendemento das categorías de formación.
O encontro concluíu cun recoñecemento aos patrocinadores que colaboran coa entidade e coa presentación oficial dos distintos equipos que defenderán as cores do club ao longo da tempada, nunha mostra do compromiso da entidade coa promoción do deporte e coa consolidación dunha canteira que segue medrando ano tras ano.