O Club Natación Arteixo dá o salto á elite galega

O Club Natación Sarval Arteixo competirá a próxima tempada na máxima categoría galega. A entidade arteixá confirmou o seu ascenso á División de Honra despois de asinar unha actuación histórica na fase final da Liga Galega de Clubs, disputada na piscina do Fluvial de Lugo.
O equipo absoluto rematou segundo na Primeira División con 325 puntos, só por detrás do Club Fluvial de Lugo, que liderou a clasificación con 411 puntos. Ese resultado permitiu ao conxunto arteixán asegurar unha das prazas de ascenso e celebrar un obxectivo que o club resumiu cunha mensaxe directa nas súas redes sociais: 'Somos de Honor'.
O éxito chega despois dunha fase preliminar na que o CN Arteixo xa demostrara a súa regularidade. O equipo rematara segundo tras as tres primeiras xornadas, con 14 puntos, o que lle permitiu chegar á final no grupo de loita polo ascenso e co dereito a pelexar polo salto de categoría.
A fase final foi afrontada polo club cun equipo de 30 nadadores e nadadoras, encargados de cubrir o calendario completo de probas individuais e catro remudas, repartidas en sesión de mañá e tarde. A resposta colectiva permitiu transformar a boa dinámica da tempada nun ascenso de gran valor para a natación arteixá.
A chegada á División de Honra supón un novo chanzo para un club que nos últimos anos tamén gañou visibilidade polos resultados dos seus deportistas en competicións galegas, nacionais e internacionais. O ascenso confirma o crecemento do proxecto e sitúa a Arteixo entre os equipos de referencia da natación galega.
A próxima tempada, o CN Sarval Arteixo medirá o seu nivel cos mellores clubs de Galicia, un reto esixente pero tamén unha oportunidade para consolidar o traballo da súa base e do seu equipo absoluto. O obxectivo está cumprido: Arteixo xa é de Honra.