O Club Natación Arteixo álzase con dúas medallas no Campionato de España de Augas Abertas

ACoruñaXa
Os nadadores Paula Rodríguez, Paula Otero e Mateo García formaron a expedición arteixá que acudiu a Sevilla para disputar o campionato nacional de augas abertas
Imaxe dos tres deportistas do Club Natacion Arteixo que acudiron a Sevilla
Imaxe dos tres deportistas do Club Natacion Arteixo que acudiron a Sevilla
6 may 2024

Os deportistas do Club Natación Arteixo fixeron unha competición moi destacada este venres en Sevilla, no Campionato de España de Augas Abertas que se celebrou no Río Guadalquivir. Voltan a casa con dúas medallas e moi boas noticias de futuro.

No campionato participaban tres nadadores, a máis moza do equipo, Paula Rodríguez, que se estreaba a este nivel, acadou o 10º posto Junior-1.

Paula Otero, de categoría senior, foi bronce na proba de 10K nunha espectacular e reñida chegada, loitando coas dúas españolas máis destacadas nesta distancia o segundo e terceiro postos, levándose o 3º a tan só unha brazada da segunda clasificada.

Mateo García, foi Campión de España en categoría Junior-2, posto que xunto coas marcas acadadas en piscina nas probas de 400 e de 5000 metros, fai que Mateo cumpra os criterios para participar no Campionato de Europa desta modalidade que se celebrerá do 11 ó 14 de xullo en Viena, Austria.

Bo nivel competitivo do Club arteixán en Sevilla, unha mostra máis do gran período competitivo que levan. Acércase a recta final da tempada e aínda teñen moitas citas importantes, entre elas a loita polo título da División de Honra da Liga Galega de Clubs e pouco despois a súa participación no Campionato de España Open con seis deportistas.