O Club Natación Arteixo afiánzase con dez metais no campionato de España Open celebrado en Sabadell

ACoruñaXa
Oo evento acudiron seis deportistas arteixáns, entre eles os galardoados en probas individuais foron Paula Otero, cun ouro, tres pratas e dous bronces, nas probas de 1500, 800 e 400 libre, e Mateo García, que acadou dúas pratas e dous bronces nas mesmas probas
Os nadadores do Club Natación Arteixo desprazados a Sabadell
Os nadadores do Club Natación Arteixo desprazados a Sabadell
27 feb 2024

Os nadadores e nadadoras do Club Natación Arteixo regresan con impresionantes resultados do campionato de España Open celebrado en Sabadell do 21 ó 25 de febreiro.

Á cita deportiva cudiron seis deportistas arteixáns, dous de categoría absoluta, dous categoría Sub-20 e dous junior. Os resultados máis salientables resúmense en 10 medallas e catro Récords Galegos acadados.

Os deportistas laureados en probas individuais foron Paula Otero, cun ouro, tres pratas e dous bronces, nas probas de 1500, 800 e 400 libre, e Mateo García, que acadou dúas pratas e dous bronces nas mesmas probas. Ambos nadadores son de categoría Sub-20, neste campionato subiron ó podio da súa idade e ademais da categoría absoluta. Estes resultados son un bo comezo para Paula e Mateo de cara ás citas de clasificación para eventos internacionais coa Selección Española.

O nivel competitivo do Club Natación Arteixo afiánzase ademais con catro Récords Galegos acadados en Sabadell. O primeiro veu da man da remuda mixta de 4x100 estilos, na que acadaron o 8º posto absoluto e melloraron a marca anterior con unha moi boa carreira de Manuel Varela, Miguel Gómez, Paula Otero e Alba Gómez. Mateo García bateu os Récords de 800 e 400 libre que el mesmo posuía dende o verán, o de 400 en dúas ocasións, nas eliminatorias e na final.

Paula e Mateo foron premiados ademais pola RFEN durante o evento coa medalla ó Mérito Deportivo polo éxito internacional acadado na remuda de Augas Abertas do Campionato de Europa de Corfú.