O Club Natación Arteixo afiánzase con dez metais no campionato de España Open celebrado en Sabadell
Os nadadores e nadadoras do Club Natación Arteixo regresan con impresionantes resultados do campionato de España Open celebrado en Sabadell do 21 ó 25 de febreiro.
Á cita deportiva cudiron seis deportistas arteixáns, dous de categoría absoluta, dous categoría Sub-20 e dous junior. Os resultados máis salientables resúmense en 10 medallas e catro Récords Galegos acadados.
Os deportistas laureados en probas individuais foron Paula Otero, cun ouro, tres pratas e dous bronces, nas probas de 1500, 800 e 400 libre, e Mateo García, que acadou dúas pratas e dous bronces nas mesmas probas. Ambos nadadores son de categoría Sub-20, neste campionato subiron ó podio da súa idade e ademais da categoría absoluta. Estes resultados son un bo comezo para Paula e Mateo de cara ás citas de clasificación para eventos internacionais coa Selección Española.
O nivel competitivo do Club Natación Arteixo afiánzase ademais con catro Récords Galegos acadados en Sabadell. O primeiro veu da man da remuda mixta de 4x100 estilos, na que acadaron o 8º posto absoluto e melloraron a marca anterior con unha moi boa carreira de Manuel Varela, Miguel Gómez, Paula Otero e Alba Gómez. Mateo García bateu os Récords de 800 e 400 libre que el mesmo posuía dende o verán, o de 400 en dúas ocasións, nas eliminatorias e na final.
Paula e Mateo foron premiados ademais pola RFEN durante o evento coa medalla ó Mérito Deportivo polo éxito internacional acadado na remuda de Augas Abertas do Campionato de Europa de Corfú.