O Club Graíño da Coruña impón o seu dominio no Campionato Galego de Grappling máis numeroso da historia

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
O pavillón do CGTD de Pontevedra acolleu esta proba, unha edición histórica que reuniu case 200 participantes de 15 clubs de toda Galicia
grappling
14 Oct 2026

O pavillón do CGTD de Pontevedra acolleu este sábado 10 de outubro o Campionato Galego de Grappling, unha edición histórica que reuniu case 200 participantes de 15 clubs de toda Galicia. A competición congregou preto de 400 persoas entre deportistas e afeccionados, nunha mostra do crecemento que experimenta esta disciplina ano tras ano.

O recinto deportivo colgou o cartel de completo para unha cita na que se disputaron 150 combates sobre os catro tapices instalados para a ocasión. O Colexio Galego de Árbitros foi o encargado de dirixir os enfrontamentos ao longo da xornada.

Un dos aspectos máis destacados foi o aumento da participación feminina, que reflicte o traballo continuado dos clubs para promover e dar visibilidade ao deporte. A organización tamén puxo en valor a incorporación de novas entidades á competición, como La Fábrica de Pontevedra, así como a presenza do consolidado Club de Loita Pontevedra.

Na clasificación por clubs das categorías U15, U17 e U20, previas á absoluta, o Club Graíño da Coruña acadou a primeira posición con 220 puntos. O Club Núcleo GICAP, de Vilagarcía de Arousa, rematou segundo con 151 puntos, mentres que o Club de Loita do Morrazo ocupou o terceiro posto con 143.

Nas categorías sénior ou absoluta e máster, o Club Graíño da Coruña volveu situarse no máis alto do podio, con 187 puntos. A segunda posición foi para o Club Sportfight de Ferrol, con 174 puntos, e a terceira para o Club Pretorians da Coruña, con 124.

A competición contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Roberto García Fernández, que seguiu boa parte da xornada, nun xesto de apoio ao fomento das disciplinas asociadas. Tamén asistiu Daniel Benavides Alonso, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte na provincia de Pontevedra.

A próxima gran cita do calendario será o 7 de novembro en Sanxenxo, coa celebración do IV Memorial Internacional Alexander Kachelaev de Loitas Olímpicas. Nesta edición, o torneo formará parte do ránking nacional das categorías U15 e U17, unha novidade que permitirá aos mellores deportistas estatais destas idades sumar puntos para clasificarse para os campionatos de Europa e do mundo.

A inclusión do memorial no ránking nacional supón un recoñecemento ao traballo organizativo que hai detrás do evento e reforza a proxección do deporte galego, xa que Sanxenxo recibirá deportistas de referencia de todo o país.

0.15034794807434