O Club de Regatas Salgado-Perillo conquista o bronce estatal en traiñeiras

O Club de Regatas Salgado-Perillo asinou un novo éxito para o deporte de Oleiros ao conseguir a medalla de bronce no Campionato de España de traiñeiras, celebrado esta fin de semana na baía de Meira, en Moaña. A cita reuniu 32 tripulacións e 23 clubs de Galicia, País Vasco e Cantabria.
A embarcación feminina absoluta do club de Perillo completou unha gran actuación na final estatal e rematou terceira cun tempo de 11.21.84. O ouro foi para Donostia Arraun Lagunak, que revalidou o título con 10.51.38, mentres que a prata correspondeu á Sociedad Deportiva de Remo Astillero, con 11.01.02.
O resultado confirma o bo momento da tripulación oleirense, que volve situarse entre as mellores traiñeiras do panorama estatal. O bronce ten ademais un valor especial ao chegar nun campionato de máximo nivel, con presenza dalgunhas das embarcacións máis fortes do norte peninsular.
A proba disputouse sobre 2.778 metros no campo de regatas de Meira e formou parte da 79ª edición do Campionato de España de traiñeiras, unha competición marcada pola igualdade, xa que as 15 medallas en xogo repartíronse entre 13 clubs.