O CITIC da Universidade da Coruña recibiu ao secretario de Estado de Xuventude e Infancia
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu este venres a visita do Secretario de Estado de Xuventude e Mocidade, Rubén Pérez Correa, quen puido coñecer de primeira man proxectos e programas innovadores promovidos desde o centro, a través dos cales se está impulsando o uso da tecnoloxía e, máis concretamente, da Intelixencia Artificial desde un punto de vista inclusivo e igualitario.
Neste sentido,o secretario de Estado mantivo un encontro de traballo con dez investigadoras e investigadores do centro que lideran iniciativas, cuxo ámbito de actuación son a educación, a infancia e a mocidade.
“Como centro de investigación, a nosa misión é impulsar a innovación tecnolóxica cun enfoque inclusivo, asegurando que todos e todas, sen importar a súa condición, poidan beneficiarse e participar plenamente das vantaxes que ofrecen as TIC e a IA", sinalou o director do CITIC, Manuel Penedo, quen resaltou a aposta do centro por iniciativas que “nos converteron, por exemplo, en referentes a nivel galego e tamén estatal na atención a persoas con discapacidade a través das TIC”.
Labor que foi destacado polo secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Rubén Pérez Correa, quen sinalou que “esta visita é unha oportunidade porque no CITIC hai unha serie de proxectos moi interesantes dentro das competencias do noso ministerio” e destacou as iniciativas que teñen que ver con IA, ciberbullying e tamén proxectos para a identifiación dos nenos e nenas migrantes, tema que é unha urxencia porque necesitamos dispoñer de ferramentas que non sexan só as probas médicas, polo que estas ferramentas que está desenvolvendo o CITIC son estratéxicas”.
Por outro lado, o reitor da UDC, Ricardo Cao, agradeceu a visita do secretario de Estado da UDC, que “nos permite mostrarlle os proxectos que estamos levando a cabo en materia de tecnoloxías da información. É un exemplo de como as TIC, que moitas veces as vemos como xeradoras de problemas, axudan moito tamén na infancia e a xuventude”.
Educación e Intelixencia Artificial
A formación en IA para a mocidade foi outro dos asuntos que se tratou nesta visita do Secretario de Estado de Infancia e Mocidade. O CITIC da UDC conta con diversos proxectos a través dos cales se desenvolveron contidos, programas e ferramentas destacadas precisamente no ámbito educativo en todos os seus niveis, desde a Educación Primaria ata a Universidade. O investigador Francisco Javier Bellas falou sobre o liderado do centro en proxectos de promoción da alfabetización en IA a nivel europeo e o traballo desenvolvido como parte do Grupo de Traballo da Consellería de Educación, que deseña o contido curricular das materias de IA. Así mesmo, colaboran no programa “Polos Creativos” da Xunta de Galicia para crear un Kit de IA (Kitia), dirixido a estudantes de Primaria e Secundaria, que introduce conceptos básicos de aprendizaxe automática e uso ético da IA e que foi presentado por Óscar Fontenla, membro do CITIC.
Ademais da formación, tanto do alumnado como do profesorado, desde o CITIC promóvese tamén o fomento das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre os máis novos a través de programas como “Talentos Inclusivos”, liderado por Javier Pereira, subdirector do centro de investigación; ou proxectos de divulgación como “Inspira Steam”, coordinado na Coruña pola investigadora Verónica Bolón; ou o programa STEMbach, coordinado por Susana Ladra; que tamén promoven unha maior participación das mulleres na ciencia e as carreiras tecnolóxicas. Pola súa banda, a investigadora Adriana Dapena introduciu as accións de divulgación e fomento de vocacións tecnolóxicas levadas a cabo en colaboración co MUNCYT.
Ciberbullying, saúde e benestar
Na súa visita ao CITIC da Universidade da Coruña, o secretario de Estado de Infancia e Mocidade puido coñecer ademais outros proxectos TIC, nos que se abordan cuestións referidas á saúde e o benestar dos máis novos. É o caso dunha tecnoloxía destinada a coñecer os hábitos de vida e comprender as causas do sedentarismo ou a inactividade na que traballa Raúl Fraguela, docente da Facultade de Ciencias da Educación da UDC, así como as súas consecuencias no desenvolvemento das nenas e nenos. Pola súa banda, o investigador do CITIC Fidel Cacheda presentou os modelos de IA para a detección temperá do ciberbullying en redes sociais, nos que se está traballando na actualidade. Verónica Robles, docente da Facultade de Fisioterapia, falou sobre o proxecto que busca mellorar a funcionalidade do brazo en nenos que sofren hemiparesia mediante tecnoloxía portátil. Óscar Ibáñez, membro do CITIC, explicou o desenvolvemento dun software para estimar a idade legal de menores migrantes non acompañados.