O CITEEC da UDC acada máis de un millón de euros para Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023
O CITEEC da Universidade da Coruña (UDC) celebrou recentemente a aprobación provisional de axudas para 7 dos 8 proxectos solicitados no marco da convocatoria de 2023 para a xeración de coñecemento e a formación de persoal investigador predoutoral. Estas axudas forman parte do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, incluído no Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. O éxito desta convocatoria subliña a excelencia científica do centro.
No grupo de Mecánica de Estructuras (GME), foron aprobados dous proxectos: un sobre o “Deseño óptimo de aeroestructuras seguras e eficientes” dirixido por Jacobo Díaz García e Aitor Baldomir García, e outro sobre o “Fluxo turbulento de pequena escala sobre taboleiros de pontes”, liderado por Félix Nieto Mouronte.
O grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) recibiu financiamento para dous proxectos: o primeiro, “Mellora das previsións de inundación mediante técnicas de intelixencia artificial”, liderado por Luis Cea Gómez e Jerónimo Puertas Agudo; e o segundo, sobre seguridade portuaria, a cargo de Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico.
No grupo de Construción (GCONS), o proxecto sobre “Nanoenxeñaría sostible para materiais base cemento” liderado por Belén González Fonteboa e Sindy Seara Paz tamén foi financiado. Finalmente, o grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI) recibiu apoio para dous proxectos: un sobre “Optimización topolóxica de estruturas” dirixido por Fermín Navarrina, e outro sobre “Xemelgo dixital para monitorización do cancro de próstata” liderado por Guillermo Lorenzo González.
Os proxectos, cun importe total de 1.143.875 euros, terán unha duración de entre 3 e 4 anos.
Adicionalmente, a Xunta de Galicia concedeu unha axuda a Pablo Guindos, investigador posdoutoral Ramón y Cajal no CITEEC, recoñecendo a súa traxectoria excelente. Guindos, enxeñeiro forestal e doutor en Enxeñaría da Madeira, ten desenvolvido unha destacada carreira internacional en tecnoloxías estruturais da construción de madeira e regresou recentemente a España para continuar a súa investigación na UDC.