O Cine Alfonsetti de Betanzos presenta este venres a serie dixital 'Poscoito'

ACoruñaXa
'Poscoito' é unha serie galega antolóxica que retrata as diversas situacións e conflitos que poden existir despois de ter sexo
Imaxe da serie web galega 'Poscoito'
14 Maio 2024

O vindeiro venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, proxectaremos no Cinema Alfonsetti de Betanzos a serie dixital 'Poscoito' ás 20.00 horas. Será presentada polo seu director e guionista Héctor Rodríguez. Compartirá espazo con outra webserie titulada 'Nómades', dirixida por Marta Ínsua.

'Poscoito' é unha serie galega antolóxica que retrata as diversas situacións e conflitos que poden existir despois de ter sexo. Os 3 episodios que compoñen a serie contan historias autoconclusivas independentes, cada unha cun elenco e ton diferentes que posúen como nexo común o momento poscoito.

O equipo artístico está formado por Lidia Veiga ('Cando toco un animal', 'Los Argonautas', presentadora dos Mestre Mateo 2024), Isabel Garrido ('El desorden que dejas', 'Élite', 'La manzana de oro'), Sergio Abelaira ('La Fortuna', 'Saudade de ti', 'Los Argonautas'), Martina Bravo ('Saudade de ti'), Melania Cruz ('Dhogs', 'Ons', 'Rapa') e Tito Asorey ('Rapa', 'Fariña', 'O final do camiño').

O seu director é Héctor Rodríguez (Arteixo, 1998) debuta como director e guionista neste proxecto despois de formarse na Escola de Imaxe e son de A Coruña e traballar durante 5 anos no sector audiovisual como auxiliar de dirección en produtoras como Vaca Films, Voz Audiovisual ou Portocabo, formando parte de películas e series para cine, televisión e plataformas como Netflix ou Movistar+.

'Poscoito' foi seleccionada en 6 festivais de ámbito nacional e internacional entre os que atopamos o Cusco Web Fest (Perú) ou o Cannes Film Awards (Francia), onde recibiu unha Mención Especial á Mellor Serie. Obtivo o recoñecemento á Mellor Webserie no Golden Lion Film Festival (India), no Robinson Film Awards (Italia) e no European Short Awards (España). Neste último festival tamén foi finalista á Mellor Curta de Comedia.

Ademais, a serie estreouse a nivel nacional dentro da Sección Oficial do Carballo Interplay a principios de abril, onde o público puido asistir a un breve coloquio co seu equipo.

Cartel POSCOITO
0.10190916061401