O CIM móbil fará parada este luns no Campo da Feira de Abegondo para achegar apoio e asesoramento ás mulleres

O Campo da Feira de Abegondo converterase este luns, 23 de febreiro, nun punto de atención de proximidade para as mulleres que necesiten apoio ante situacións de violencia de xénero. O CIM móbil da Xunta de Galicia desprazarase ao municipio para ofrecer un servizo especializado en horario de mañá, entre as 10.00 e as 13.00 horas.
A unidade móbil facilitará atención psicolóxica, social e xurídica, xunto con información, asesoramento e acompañamento ás vítimas. Ademais, tamén se desenvolverán accións de prevención e sensibilización orientadas á promoción da igualdade de xénero e á diversidade LGBTI.
O dispositivo forma parte do reforzo itinerante da rede de Centros de Información á Muller (CIM), recursos de referencia para a igualdade e a atención a vítimas, que buscan chegar con máis facilidade a zonas nas que non sempre é sinxelo acceder a estes servizos.