O Ciclo Principal de teatro de Primavera logra un récord histórico de abonados
O Ciclo Principal de Primavera 2025 bateu todas as marcas ao alcanzar un total de 624 abonados, superando os 599 rexistrados na pasada edición. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacou que este éxito reflicte "o gran traballo de programación cultural do Goberno de Inés Rey, cunha oferta variada e de gran calidade".
O ciclo arrancará o próximo 17 de xaneiro coa primeira das dúas representacións de ‘La Regenta’, unha adaptación da obra de Leopoldo Alas Clarín realizada por Eduardo Galán e dirixida por Helena Pimenta. Ata o final da tempada, o Teatro Rosalía de Castro acollerá 13 producións diferentes, repartidas en 23 funcións.
A gran expectación xerada pola obra ‘1936’, escrita por Albert Boronat, Juan Cavestany, Andrés Lima e Juan Mayorga, provocou que as entradas para as funcións do 28 e 29 de marzo se esgotasen en poucas horas. A dirección da compañía, encabezada por Andrés Lima, anunciou unha terceira función o domingo 30 de marzo ás 18:00 horas, cuxas entradas sairán á venda o martes 21 de xaneiro ás 11:00 horas a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.
A peza, considerada unha das grandes sensacións teatrais do momento, conta cunha produción conxunta do Centro Dramático Nacional, Check in Producciones e El Terrat, entre outros.