O Ciclo de Coros Galegos na Coruña reivindicará a conexión de Galicia co mundo celta
O Ciclo de Coros Galegos, presentado hoxe polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, homenaxeará o folclore galego os días 1, 14 e 15 de decembro no Teatro Rosalía de Castro. Esta edición conmemora o 70 aniversario da primeira visita de Cántigas da Terra á Bretaña, cando Galicia foi recoñecida como nación celta, e incluirá actuacións e actividades que destacan a riqueza da tradición cultural galega.
Os actos principais contarán coa participación de grupos como Cántigas e Agarimos, Coral de Ruada, o cuarteto Ansuíña ou Rebulir, que levarán ao escenario as expresións máis emblemáticas do noso folclore. Ademais, o Cadro de Teatro de Cántigas da Terra conducirá o espectáculo de forma entretida e didáctica, centrándose no imaxinario atlántico galego e o papel das agrupacións folclóricas na súa formación.
“A aposta do Goberno de Inés Rey pola nosa cultura queda demostrada con iniciativas como representar a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient e, agora, coa celebración deste ciclo”, sinalou Castro. A programación complétase cunha palestra sobre o panceltismo, a cargo de Felipe Senén, e un obradoiro de danzas celtas dirixido por Pili Conde.
O evento culminará cun recoñecemento especial a Xeranio Torreiro, embaixador galego no Festival Intercéltico de Lorient, poñendo en valor a conexión histórica entre Galicia e o mundo celta.
Datas destacadas do Ciclo de Coros Galegos:
- 1 de decembro: Cántigas da Terra, Coral de Ruada e Rebulir (19:00).
- 14 de decembro: Palestra de Felipe Senén e obradoiro de Pili Conde (19:00).
- 15 de decembro: Cantigas e Agarimos, Ansuíña e Santaia (19:00).