O CICA participou no 2023 en 79 proxectos de investigación e publicou 178 artigos científicos
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña presentou o venres a súa memoria anual cos resultados obtidos polo centro durante 2023 nas diferentes áreas. Un amplo informe no que se resumen as actividades desenvolvidas, a estratexia do CICA para atraer talento investigador, así como a súa tendencia ascendente á hora de participar en proxectos nacionais e internacionais, o seu compromiso coa igualdade e responsabilidade social e a súa clara aposta pola divulgación e transferencia de coñecemento á sociedade.
Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña, participou onte na inauguración do evento, quen destacou a recente acreditación do CICA dentro da Rede de Centros de Excelencia da Xunta de Galicia, amais da renovación do CITIC e a inclusión do CITEEC dentro da segunda categoría desta Rede CIGUS.
O reitor fixo memoria aos tempos da creación do CICA, no ano 2015, cando el mesmo era “o vicerreitor de Investigación e Transferencia, e que, tras seis anos de actividade, reformulou a súa estrutura en 2021 comprendendo na actualidade tres áreas de investigación: Biomedicina, cun grande interese en achegar coñecemento biolóxico e novas opcións de diagnóstico e tratamento; Alimentación, Contaminación e Saúde, centrado no desenvolvemento sostible do sector primario, o cambio climático e o Medio ambiente; e a Nanociencia e Materiais Avanzados, con investigación en novas tecnoloxías, solucións e produtos aplicables aos retos da industria e da sociedade en xeral.”
Jaime Rodríguez, director do CICA, foi o encargado de guiar o devandito evento, explicando aos asistentes os aspectos máis sinalados do informe. O director destacou que os resultados obtidos en 2023 tamén mostran un camiño percorrido durante anos, que acaba de ser recoñecido coa a incorporación do centro á Rede CIGUS.
Unha aposta de futuro en base á excelencia
A proxección dun centro de investigación mídese, en gran parte, pola súa capacidade para atraer e reter o talento, algo que o centro coruñés ten potenciado intensamente nos últimos anos. Mentres que no ano 2021, o CICA albergaba a catro investigadores Ramón y Cajal, en 2023 a cifra de doutores contratados grazas a esta prestixiosa bolsa ascende a unha decena. Os investigadores Vanessa López, Juan Manuel Bermúdez e Juan Antonio Fafián, son algúns dos novos talentos Ramón y Cajal incorporados ao CICA durante o pasado ano. Inmaculada Jénnifer Gómez e Israel Temprano, bolseiros polo programa Beatriz Galindo, tamén se sumaron en 2023 á crecente lista de persoal investigador especializado que trazarán o futuro do centro.
Durante o pasado ano publicáronse un total de 178 artigos científicos, un 15% máis que en 2022. Ademais, tal e como comentou Rodríguez, case o 80% dos devanditos artigos foron publicados nas revistas académicas mellor valoradas, aquelas que, dos catro cuartiles (posicións) existentes, atópanse no primeiro, o cal mostra a calidade da investigación levada a cabo no centro.
Jaime Rodríguez destacou a participación dos distintos grupos de investigación en programas de diferente envergadura durante 2023. En total, o persoal investigador do CICA formou parte e, nalgúns casos liderou, ata 21 proxectos rexionais, 52 de carácter nacional e 6 internacionais. En tan só tres anos o centro obtivo un total de cinco millóns de euros destinados a financiar este tipo de proxectos.
O director tamén quixo dedicar parte da súa intervención á política de igualdade, un centro onde o 56 % do seu persoal son mulleres. A aposta global cara a unha ciencia máis aberta (movemento Open Science), que avogue por unha maior transparencia e colaboración na investigación, é tamén unha tendencia para o persoal investigador que conforman o CICA, quen tenta, cada vez con máis asiduidade, publicar os seus descubrimentos científicos en revistas abertas ao público (Open Access) e gratuítas.
Por último, Rodríguez falou da necesidade de involucrarse en proxectos de comunicación e divulgación da ciencia que poidan levar o coñecemento a toda a sociedade dun modo ameno e rigoroso. Neste sentido o centro tamén mostra unha traxectoria prometedora, con proxectos como CICAGallery (residencias artísticas levadas a cabo nos laboratorios do CICA) e Incrúst@te (experiencias xunto a grupos de investigación para motivar a vocación científica no estudantado de secundaria e bacharelato).
Balance dos proxectos rematados
Durante a xornada tamén houbo ocasión para falar dos proxectos finalizados en 2023: investigadores dos grupos Aquaterra, Inmo-tep, Grica, Supren e UDCSolidos mostraron os resultados dos seus proxectos, xa rematados, ofrecendo unha imaxe moi completa sobre o tipo de investigacións que se realizan no CICA, centradas en ampliar as barreiras do coñecemento e ofrecer solucións ante problemas relacionados coa saúde, a enerxía, ou o medio ambiente.
Finalmente fíxose unha entrega de diversos galardóns: por unha lado, premiáronse as mellores publicacións en aberto de 2023: dentro da área de Alimentación, Contaminación e Saúde, ao grupo Grica; dentro da área de Biomedicina, ao grupo GIR-S; e dentro da área de Nanociencia e Materiais avanzados, ao grupo Nanoself. Doutra banda, Érika García e Alejandro Criado foron elixidos como embaixadores do CICA durante o ano 2023. Acompañado de Isabel González, vicedirectora do CICA, Jaime Rodríguez, felicitou aos gañadores, valorando o seu compromiso coa difusión da investigación científica que realizan día a día no centro.