O CICA da UDC lidera un proxecto europeo para impulsar prácticas sostibles en rexións mediterráneas

ACoruñaXa
O proxecto DRYAD, cun orzamento de 8,6 millóns de euros, busca mellorar a resiliencia dos ecosistemas e promover plans de adaptación climática
Imaxe dos participantes da UDC no DRYAD
19 sep 2024

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía Aplicada (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) liderará o proxecto europeo DRYAD, destinado a mellorar a resiliencia dos ecosistemas e das paisaxes agrosilvopastorís nas rexións mediterráneas. Este proxecto, que contará cun financiamento total de 8,6 millóns de euros, recibirá unha contribución da Unión Europea de 8,4 millóns, dos cales a UDC xestionará 915.000 euros. O investigador principal do proxecto é Francisco Javier Samper Calvete, catedrático de Enxeñaría do Terreo e membro do grupo de investigación AQUATERRA no CICA.

Durante estes días, a UDC acolle a reunión inicial (KICK-OFF Meeting) do proxecto, onde participan preto de 50 expertos procedentes de cinco países mediterráneos. As xuntanzas están a ter lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos.

O proxecto DRYAD desenvolverase ao longo de catro anos e ten como obxectivo principal a creación e demostración de Solucións Baseadas na Natureza (SBN) que permitan unha xestión máis sostible e resiliente dos recursos naturais. As probas realizaranse en cinco rexións de demostración, incluíndo Andalucía, Estremadura, o Alentejo (Portugal), Sardeña (Italia) e Etolia-Acarnania (Grecia). As solucións máis prometedoras replicaranse en Castela e León (España), Occitania (Francia) e Toscana (Italia).

O proxecto non só busca innovacións tecnolóxicas e científicas, senón tamén fomentar a participación activa das autoridades rexionais, investigadores, empresas e cidadáns a través de Living Labs, espazos para a cocreación e validación de solucións sostibles. Ademais, facilitará ferramentas e guías para promover prácticas adaptadas ao cambio climático, contribuíndo á Lei de Restauración da Natureza e ás principais políticas europeas sobre biodiversidade, agricultura e adaptación ao clima.

O consorcio do proxecto inclúe 27 organizacións de 5 países, entre elas universidades, entidades de investigación, fundacións, asociacións e pequenas e medianas empresas, co obxectivo de apoiar o cumprimento de estratexias clave da Unión Europea, como o Pacto Verde Europeo e a Estratexia de Biodiversidade para 2030.

 

 

0.19958400726318