O CICA da UDC lidera consorcio para desenvolver FLUFET, o primeiro sensor de infeccións zoonóticas

ACoruñaXa
FLUFET, o sensor automatizado capaz de detectar virus coñecidos e descoñecidos, desenvolverase nos próximos 3 anos con 3,2 millóns de euros de orzamento
Imaxe dos membros do consorcio internacional do proxecto FLUFET na Reitoría da Universidade da Coruña xunto ao director do CICA, Jaime Rodríguez González
4 Abr 2024

Reunidos na Reitoría da Universidade da Coruña, investigadores de España, Italia, Portugal e Francia están a presentar un proxecto de gran envergadura. Encabezado por Alejandro Criado Fernández, investigador do grupo Nanoself, este proxecto ten como obxectivo desenvolver o primeiro sensor automatizado capaz de detectar virus, tanto coñecidos como descoñecidos, cun orzamento de 3,2 millóns de euros. O enfoque principal do consorcio internacional é a detección temperá de ameazas zoonóticas infecciosas, coa esperanza de previr a propagación de posibles brotes aos humanos. Este proxecto, centrado na prevención de pandemias, busca protexer tanto a animais como a humanos, mostrando así un enfoque proactivo cara á saúde pública e a seguridade.

Un proxecto europeo para o control de pandemias globais coordinado desde A Coruña

As enfermidades zoonóticas infecciosas (que saltan dos animais ás persoas) van en aumento, e o risco dunha nova pandemia é agora maior que nunca. Os futuros modelos sanitarios deben considerar a relación entre a saúde humana e animal, e necesítanse novas tecnoloxías para vixiar continuamente os lugares onde o risco de transmisión de patóxenos é maior (compartidos por animais e humanos) e para evitar o custo humano, sociopolítico e económico de novas pandemias.

Foi durante os primeiros cafés pospandemia en 2020 que, nunha cafetería do país vasco, cunha tortilla e un café, un grupo de investigadores, entre os que estaba Alejandro Criado Fernández, plantaron a semente de FLUFET. O nome do proxecto é tamén o nome do propio dispositivo ao que dará lugar, cuxas siglas fan referencia a “FLow detection of virUses by graphene Field Effect Transistor microarrays” que significa “Detección fluída de virus mediante micromatrices de transistores de efecto de campo baseados en grafeno”. Estes transistores son dispositivos que permiten a detección de moléculas como proteínas, acedos nucleicos e outros elementos que forman parte da estrutura dos virus, grazas a cambios na condutividade de láminas de grafeno. Cando esas moléculas interactúan co grafeno alteran as súas propiedades fisicoquímicas, dando lugar a un sinal específico que se pode estudar.

Esta tecnoloxía representará unha gran oportunidade para expertos e xestores en saúde que teñen que facer fronte ás crecentes ameazas de pandemia que xorden da convivencia con especies animais de gando ou salvaxes. FLUFET tamén supón unha ferramenta para a xestión de responsables políticos e organismos reguladores do ámbito gandeiro, así como para os propios gandeiros e as súas asociacións, provedores de solucións de gandaría de precisión e investidores, ademais dunha gran achega científica ao ámbito de detección de novos virus.

O Parlamento Europeo esixe unha vixilancia continua e unha recollida de datos harmonizada das explotacións animais. Con todo, os métodos actuais non son adecuados para unha detección “in situ”, continua e automática, polo que hoxe en día só se controla un número limitado de patóxenos específicos e coñecidos.

Todo este proxecto pode desenvolverse no contexto de Horizonte Europa, que a través da Corporación Europea de Innovación financia os proxectos EIC Pathfinder, orientados a financiar investigación que desenvolva as bases científicas para os futuros avances tecnolóxicos apoiando a investigación nos seus primeiros estadios para poder levalas á súa industrialización e beneficio social.

FLUFET será desenvolvido por un consorcio internacional entre España, Finlandia, Italia e Portugal

O proxecto require un consorcio interdisciplinar que inclúa socios de biofísica computacional, tecnoloxía do grafeno, nanotecnoloxía, detección, microfluídica, viroloxía, enxeñería de superficies e deseño de sensores e electrónica. É por iso que desde A Coruña Alejandro Criado coordinará os equipos de España, Italia, Portugal e Finlandia participantes no proxecto.

Os centros participantes son, ademais do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC, a Fundación BCMATERIALS – Basque Centre For Materials, Applications and Nanostructures – de Bilbao; a Asociación Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriales – CIC BiomaGUNE de Donostia-San Sebastián; o International Centre For Genetic Engineering and Biotechnology de Trieste, Italia; a empresa Graphenea Semiconductor SL de Donostia-San Sebastián; o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía LIN de Braga, Portugal; e o Teknologian Tutkimuskeskus VTT OY de Espoo, Finlandia.

Membros de todas estas institucións reuníronse os días 3 e 4 de abril na Reitoría da Universidade da Coruña (UDC) para poñer en común o cronograma do proxecto cos seus respectivos paquetes de traballo e repartición de responsabilidades. Estas xornadas abriunas o director do CICA, Jaime Rodríguez González, presentando o centro de investigación ao resto de participantes e facendo fincapé no entusiasmo de ver como investigadores da UDC son capaces de atraer proxectos, financiamento e talento internacional para traballar en iniciativas tan prometedoras como esta. Antes de empezar coas presentacións dos colaboradores internacionais, que tiveron lugar ao longo das xornadas, o coordinador do proxecto, Alejandro Criado, destacou o optimismo que alberga co seu desenvolvemento, poñendo en valor o grandísimo esforzo que houbo por parte de todos os colaboradores e compartindo coa sala unha perspectiva sobre o innovador que resulta FLUFET no panorama actual de detección de virus descoñecidos, así como a vantaxe que presentará a nivel de custo, velocidade e portabilidade do dispositivo.

 

0.15996384620667