O CHUAC proba en quirófano un sistema de realidade aumentada para avanzar cara á cirurxía do futuro

O Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) acolleu unha sesión experimental para avaliar o uso de sistemas de realidade aumentada (RA) en quirófanos reais, no marco da tese doutoral “Interfaces virtuais e realidade aumentada para cirurxía”, que desenvolve Ánxela Pérez no CITENI do Campus Industrial de Ferrol, baixo a dirección de Florian Michaud e Nieves Pedreira, da UDC.
Durante a xornada participaron profesionais do CHUAC, como o Dr. Pablo Codesido, do Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, que valoraron o funcionamento das lentes intelixentes e as diferentes formas de interacción —xestos, mirada, voz ou inclinación da cabeza— para identificar as que resultan máis ergonómicas e seguras nun entorno onde a concentración é vital. Como sinala o Dr. Codesido, “apostamos polas tecnoloxías de vangarda aplicadas á saúde porque poden axudar a mellorar a calidade da atención aos nosos pacientes. Que estes avances permitan acceder a información crítica sen interromper o fluxo da intervención pode marcar unha gran diferenza nun quirófano, onde cada segundo e cada decisión contan”.
A realidade aumentada permite superpoñer datos virtuais en tempo real sobre o campo de visión do cirurxián, facilitando intervencións máis precisas en cirurxías complexas como artroplastia de xeonllo, cirurxía de columna, neurocirurxía ou hepática. Estes sistemas adaptanse aos movementos do cirurxián e do paciente, ofrecendo asistencia visual contextualizada.
Este proxecto enmárcase nunha estratexia conxunta para achegar a innovación tecnolóxica á práctica clínica real, fomentando a colaboración estreita entre investigadores e profesionais sanitarios para garantir ferramentas útiles, seguras e integrables no día a día do quirófano. Como explican desde o CITENI, “a participación dos profesionais sanitarios é fundamental para mellorar estas solucións tecnolóxicas”.
Na sesión participaron membros do Servizo de Traumatoloxía do CHUAC xunto ao equipo investigador do CITENI da UDC, entre eles Ánxela Pérez, Pablo Codesido e Florian Michaud, reforzando a colaboración entre enxeñaría e saúde cara a unha cirurxía máis precisa, asistida e humanizada.