O CHUAC pide prudencia en San Xoán ante o aumento de queimaduras durante a noite das fogueiras

ACoruñaXa
A Unidade de Queimados lembra que moitos accidentes están ligados a imprudencias e ao consumo de alcohol, e advirte de que algunhas lesións poden deixar secuelas de por vida
OLEIROS san xoan 2025
23 Jun 2026

A Unidade de Queimados do CHUAC lanza unha mensaxe de prudencia de cara á noite de San Xoán. Segundo os estudos realizados no complexo hospitalario coruñés, nesta celebración prodúcese un aumento significativo das queimaduras con respecto ao resto do ano, especialmente entre os grupos de idade máis novos.

Os profesionais sanitarios advirten de que moitos destes accidentes están relacionados con imprudencias, exceso de confianza arredor das fogueiras e consumo irresponsable de bebidas alcohólicas. As consecuencias destas lesións poden ser graves e, nalgúns casos, deixar secuelas estéticas e funcionais permanentes.

Para reducir riscos, o CHUAC lembra que nunca se debe prender unha fogueira con líquidos inflamables como gasolina ou alcohol. Tampouco se deben botar ao lume rodas, pezas de PVC, aerosois, bidóns, chisqueiros, papeis ou tecidos que poidan saír voando co vento. As fogueiras deben situarse, como mínimo, a 15 metros de coches ou edificios e nunca baixo liñas eléctricas.

Durante a celebración, os especialistas recomendan manter sempre vixiados os nenos, evitar achegarse demasiado ás lapas e non correr, xogar ou empurrar preto do lume. No caso de saltar a fogueira, aconsellan facelo con roupa axustada, preferiblemente de algodón, calzado pechado e sen tacóns, ademais de valorar antes a altura das lapas, o espazo dispoñible e o estado físico de cada persoa.

Se se produce unha queimadura, a recomendación é arrefriar a zona con auga doce, cubrila cun pano limpo e acudir ao punto sanitario máis próximo. En queimaduras extensas, débese evitar arrefriar durante demasiado tempo polo risco de hipotermia, envolver á persoa cunha saba limpa e unha manta, e trasladala canto antes a un centro sanitario. Non se deben aplicar cremas, pomadas, desinfectantes nin ungüentos.

No caso de que prenda a roupa, o CHUAC insiste en que non se debe correr. A persoa afectada debe botarse ao chan e rodar, cubrindo a cara coas mans. Se o lume afecta a outra persoa, hai que apagalo cubríndoa cunha prenda forte, como unha cazadora, e nunca botar terra.

Se a situación non se pode controlar, a indicación é chamar ao 112. A mensaxe final dos profesionais é clara: hai que vivir o San Xoán, pero sempre con prudencia.

0.11206698417664