O CHUAC estrea nova unidade de coidados intensivos

ACoruñaXa
A nova unidade posta en marcha este mércores conta con 29 postos individuais e cunha luminosidade e amplitude que mellorará a experiencia e atención dos usuarios
Nova UCI CHUAC
8 Feb 2024

O mércores pola tarde deuse por concluido no CHUAC o traslado dos pacientes das unidades de coidados intensivos de politraumatizados e de coidados intermedios que se atopaban no quinto andar do hospital, logo dunha importante planificación que non foi sinxela polo delicado dos pacientes e dos requerimentos técnicos. Deste xeito complétase un bloque integral de coidados críticos nesta sexta planta.

Esta nova unidade de coidados intensivos posta en marcha este mércores, que conta con 29 postos individuais, sitúase a continuación da actual UCI de coronarias, dotada con 15 postos, e utiliza o mesmo esquema organizativo que esta. A xefa do servizo UCI do CHUAC, Mónica Mourelo, celebraba a activación deste novo espazo: "A nova unidade achega melloras fundamentalmente con espazos luminosos amplos, o que ten impacto na humanización dos pacientes e achegados, así como na confortabilidade do persoal. Non podemos esquecernos dos avances tecnolóxicos e da perspectiva de sustentabilidade, o que fará que a atención se realice con máis calidade e, por suposto, con maior seguridade".

A posta en marcha desta nova unidade forma parte da aposta clara por este tipo de espazos a raíz da pandemia, onde se comprobou que o manexo das enfermidades infecciosas era máis operativo en espazos deste tipo. Ademais, esta medida encaixa coa Estratexia de Humanización do Sergas, xa que estes espazos individualizados facilitan o confort de pacientes e familiares.

Coa posta en marcha deste novo espazo, a Xunta está a pechar unha fase que supuxo en total un investimento de preto de 20 millóns deeuros, entre os 13 da obra e os case que sete de equipamento. Case a metade dese investimento en equipos, uns tres millóns, foi destinado á UCI para as camas de críticos, respiradores, ecógrafos, equipos de monitorización, entre outro aparataxe.

0.1739501953125