O CHUAC dá a benvida a 132 novos residentes na Área Sanitaria da Coruña e Cee

A Área Sanitaria da Coruña e Cee celebrou este xoves o acto de acollida da nova promoción de residentes, formada por 132 profesionais que comezan a súa etapa de formación nos distintos centros sanitarios da área.
A incorporación deste ano chega cunha novidade destacada: a estrea da especialidade de medicina de urxencias. En total, a promoción está integrada por 65 prazas de medicina hospitalaria, 39 de medicina familiar, 22 de enfermería, dúas de farmacia, dúas de psicoloxía e dúas de bioloxía.
Os novos residentes desenvolverán a súa formación no Hospital Universitario da Coruña, no Teresa Herrera, no Marítimo de Oza, no Abente y Lago e nos centros de saúde da área sanitaria.
Durante o acto, o xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, destacou a importancia da chegada de novos profesionais en formación, tanto polo impulso que supoñen para os centros como pola oportunidade de seguir transmitindo coñecemento e experiencia desde os equipos xa consolidados.
Verde subliñou tamén o papel da investigación na formación sanitaria e animou aos residentes a aproveitar as posibilidades que ofrece a área, con grupos consolidados en liñas vinculadas tanto a enfermidades prevalentes como a patoloxías minoritarias.
O xerente puxo en valor, ademais, o traballo dos profesionais implicados na docencia, que contribúen a que a Área Sanitaria da Coruña e Cee continúe a ser un destino atractivo para quen inicia a súa especialización.
A nova promoción escolleu estes centros pola súa calidade asistencial, o seu prestixio en diferentes áreas e a súa actividade investigadora. A formación completarase con programas académicos, novas liñas de investigación biomédica e cursos específicos en materias sanitarias.