O CHUAC celebra un acto de despedida para os 108 alumnos de sexto de medicina da Área Sanitaria

ACoruñaXa
O rotatorio é a etapa final da carreira de medicina e cirurxía. Trátase dun conxunto de sinaturas totalmente prácticas que se cursan durante o sexto curso da carreira
Imaxe da despedida dos alumnos de último curso de medicina no CHUAC
Imaxe da despedida dos alumnos de último curso de medicina no CHUAC
9 may 2024

Este xoves, 9 de maio, 108 alumnos de sexto de medicina despídense despois de realizar ao longo dos últimos 8 meses, as súas prácticas de rotatorio nos distintos hospitais que forman o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nos distintos centros de saúde do Sergas.

A calidade da docencia impartida e a formación e dedicación dos titores, as instalacións hospitalarias ou a avanzada tecnoloxía clínica e diagnóstica do CHUAC foron uns dos aspectos máis valorados polos alumnos á hora de elixir este centro hospitalario para completar a súa formación académica.

Este acto de despedida estivo presidido polo xerente, Luis Verde Remeseiro; pola xefa de estudos, Rosario López Rico; así como pola xefa de estudos de Medicina Familiar e Comunitaria, Cristina Iglesias Díaz; e por Juan Carlos Vázquez Barro, coordinador de Docencia Pregrao.

O xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde Remeseiro, agradeceulles que tivesen escollido os distintos centros asistenciais que forman parte da Área Sanitaria para completar esta importante etapa de formación, pois nestes “recibiron unha formación de alta calidade, cun equipo docente excepcional e cunha atención moi personaliza e integral”.

O rotatorio é a etapa final da carreira de medicina e cirurxía. Trátase dun conxunto de sinaturas totalmente prácticas que se cursan durante o sexto curso da carreira. Nelas, os alumnos incorpóranse ao hospital e centros de saúde que elixen e nos que realizan esta formación tutelados por facultativos do hospital -profesores asociados da universidade-, formándose en áreas como clínica médica, clínica cirúrxica, clínica obstétrico-xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica, rotación en medicina de familia e comunitaria, e rotación en urxencias, servizos centrais, etc.