O centro loxístico de Ledoño arrinca a súa 'segunda vida' cun estudo para a xestión e a ampliación

ACoruñaXa
Suelo Empresarial del Atlántico e o Concello de Culleredo impulsan un informe de viabilidade para modernizar o CLT, definir como se vai xestionar e ordenar os investimentos pendentes
Imaxe do Centro Loxístico de Transportes en Ledoño
16 Feb 2026

O Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Ledoño inicia unha nova etapa tras a colaboración aberta entre o Concello de Culleredo e Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para definir o seu futuro. O primeiro paso será un estudo de viabilidade económica, financeira, técnica e urbanística, xa adxudicado, que deberá estar rematado nun prazo de tres meses e servirá para concretar un modelo de xestión estable e abrir a porta á ampliación pendente do recinto.

A folla de ruta que se debuxa pasa por profesionalizar o funcionamento do polígono e devolverlle competitividade nun ámbito considerado estratéxico para o sector do transporte e a loxística. Entre as prioridades que se manexan figuran actuacións básicas nas infraestruturas comúns, como a mellora do alumeado (un dos puntos máis deteriorados) e a renovación dos viais interiores, ademais dunha revisión integral das zonas comúns tras anos de falta de mantemento.

O estudo tamén deberá avaliar a capacidade real de crecemento do complexo e o encaixe urbanístico desa futura ampliación, nun escenario no que se volve poñer enriba da mesa a posibilidade de incorporar unha terminal ferroviaria de mercadorías vinculada ao desenvolvemento do parque. O Concello, que tomou posesión do CLT despois dun longo conflito xudicial, considera que esta fase pode marcar un antes e un despois para relanzar Ledoño como un polo económico de referencia na área metropolitana.

⚙ Configurar cookies
0.07890510559082