O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC acolle unha charla da muller na ciencia
Este venres, 16 de febreiro, ás 11.00 horas, a comisión de Igualdade e Diversidade do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña (CICA) organiza unha xornada de debate sobre o espazo da muller na carreira científica.
Con motivo do 11F, Día da Muller e a Nena en la Ciencia, o centro exporá da man de diversas expertas a que situacións se enfrontan as investigadoras na actualidade dentro da comunidade científica. Para iso, Rosalía Sánchez Fernández, investigadora predoutoral do Grupo Química Biolóxica (QUIMBIO) do CICA, guiará unha mesa redonda tratando de atopar respostas a preguntas que se fai no seu día a día, como científica a piques de comezar unha nova etapa laboral.
O evento ten carácter gratuíto e está aberto a toda a comunidade universitaria ata completar o aforo do salón de actos do centro de investigación da UDC.
A mesa redonda contará coa visión de investigadoras mulleres de diversos ámbitos: Ántía Pérez Caramés, docente de Socioloxía da UDC; Ana Mª Aba Catoira, profesora de Dereito Constitucional da UDC; e Lorena Alonso Marañón, investigadora posdoutoral no Grupo Metodoloxías de Sínteses e Catálises (SynCathMeth) do CICA; quen ofrecerán unha mirada académica sobre os nesgos e discriminacións que poden sufrir as mulleres no ámbito científico.