O centro EUROPE DIRECT A Coruña leva a seis concellos o espectáculo 'A Maxia de Europa'
EUROPE DIRECT A Coruña organiza unha actividade lúdica e máxica que levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a seis concellos da provincia adheridos á rede Europa no teu Concello. O espectáculo itinerante ‘A Maxia de Europa’ percorrerá Rianxo, Carral, Vedra, A Laracha, Pontedeume e Narón entre o 7 e o 15 de maio como parte da conmemoración do Día de Europa, que se celebra o 9 deste mes.
Neste sentido, 'A Maxia de Europa' reúne xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para maiores e pequenos a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea. O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos.
O espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa. Toda a información dispoñible está recollida na seguinte páxina web.
Este espectáculo itinerante forma parte da programación que 'Europa no teu Concello' ofrece aos membros da rede. EUROPE DIRECT A Coruña puxo en marcha esta iniciativa, da que xa forman parte 46 concellos, para aproximar a información sobre a Unión Europea a toda a cidadanía da provincia, en especial, da mocidade.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.