O Centro de Innovación Tecnolóxica da UDC organiza dous eventos con mulleres investigadoras
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña organiza esta semana dous eventos, dentro do marco da celebración do Día Internacional do Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia o 11 de febreiro.
Neste sentido, o primeiro deles, que terá lugar o xoves día 15, a partir das 12.30 horas, o CITEEC convida ao colectivo de Mulleres STEM polo Ben Común, promovido pola Asociación Enxeñería Sen Fronteiras, e a un grupo de estudantes de STEMBach, o bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, a unha visita ao centro de investigación e un posterior encontro de confraternización, para que coñezan de primeira man os proxectos e actividades que se están a levar a cabo.
Ao día seguinte, 16 de febreiro, o CITEEC celebra unha nova xornada dos seus INTERLABS, encontros nos que varias persoas, nas etapas iniciais da súa carreira investigadora, expoñen brevemente o seu traballo en diferentes campos relacionados coas áreas extratéxicas da Axenda Científica do centro, fomentando así o coñecemento entre os diferentes grupos e o xurdimento de posibles liñas de investigación interdisciplinares. O evento será de carácter gratuíto e conta con acceso libre ata completar aforo. Dará comezo ás 12.00 horas na sala de visualización e contará coa docente Virginia Mato Abad (profesora da Facultade de Enxeñaría Informática da UDC, investigadora do Grupo Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA) e directora da Cátedra Aldaba WIB), como madriña, que ofrecerá un relatorio baixo o título 'Abordando a brecha de xénero nas carreiras tecnolóxicas'.
As investigadoras participantes son:
- Blanca Fernández Amado, estudante de proxecto técnico no Grupo de Métodos Numéricos da Enxeñaría (GMNI)
- Angélica Goya Heredia, doutoranda en Enxeñaría Civil do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA)
- Noelia Fernández Rodríguez, doutoranda en Enxeñaría Civil no Grupo de Métodos Numéricos da Enxeñaría (GMNI)
- Lucía Valeiro Mata, doutoranda en Enxeñaría Covil no Grupo de Ferrocarrís e Transportes (FERROTRANS)