O Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da UDC ten unha nova dirección

ACoruñaXa
As profesoras Laura Castro Souto e Emma López Bahut veñen de ser nomeadas directora e secretaria, respectivamente
Imaxe de Cristina López Villar, vicerreitora de igualdade e Diversidade da UDC, Emma López Bahut, nova secretaria académica do CEXEF; e Laura Castro Souto, nova directora do CEXEF
17 Apr 2024

O Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da Universidade da Coruña conta desde hoxe cunha nova dirección. As profesoras Laura Castro Souto e Emma López Bahut veñen de ser nomeadas directora e secretaria, respectivamente, substituíndo nos cargos a María Teresa Piñeiro Otero (exdirectora), e Renée DePalma Ungaro, (exsecretaria).

Por unha banda, Laura Castro Souto é doutora en Ciencias da Computación e profesora na Facultade de Informática da UDC. Ademais, forma parte do grupo de investigación Cidadanía Dixital (DIGI), centrando o seu labor investigador no eido das novas tecnoloxías e a súa aplicación e explicación das desigualdades sociais, nomeadamente no eido das violencias dixitais.

Fundadora do programa Hello Sisters, unha iniciativa de mentoría para potenciar o talento feminino nas titulacións de Informática, a nova directora do CEXEF destaca por ter desenvolvido una intensa labor divulgadora con perspectiva de xénero.

E, doutra banda, Emma López Bahut é doutora en Arquitectura e profesora na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Así mesmo, exerce a coordinación do grupo de Igualdade_ETSA, participa no proxecto MUWO, orientado a visibilizar os traballos de arquitectas españolas.

Emma López Baut acompañará a Laura Castro nesta nova etapa desempeñando as función de secretaria académica do CEXEF, co obxectivo de fortalecer o carácter innovador e integrador do Centro, potenciando o diálogo e a investigación en materia de xénero e feminismo.

Tras o nomeamento das dúas docentes á fronte da dirección do CEXEF, a vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina Lopez Villar, subliña a importancia de que a Universidade da Coruña continúe traballando na investigación de xénero e feminista e destaca o compromiso da Universidade neste ámbito.

O Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) iniciou a súa actividade na Universidade da Coruña no ano 2013, constituído como un espazo universitario de reflexión e debate, acorde cos estándares recomendados pola Comisión Europea e aliñado coas iniciativas de numerosas universidades en España. Na actualidade, o Centro conta con máis de 50 investigadoras de renome internacional, que traballan diversas liñas de investigación que inclúen xénero e feminismo.

Ademais, o CEXEF é membro da Plataforma Universitaria de Estudios Feministas y de Género, EUFEM, e mantén una extensa rede de colaboración con diversas entidades para a difusión e a investigación de vangarda nesta área.

0.14166879653931