O Centro de Empresas Accede Papagaio acollerá un curso gratuíto de analítica dixital para optimizar negocios

O Concello ofrecerá os días 9, 10, 16 e 17 de xuño unha acción formativa gratuíta sobre analítica dixital para a optimización de negocios no Centro de Empresas Accede Papagaio. O curso desenvolverase de maneira presencial en horario de 17.00 a 19.30 horas e está dirixido a persoas interesadas en mellorar a xestión e a competitividade dos seus proxectos empresariais mediante o uso de datos.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para facilitar o acceso á formación especializada. Segundo sinalou, o Centro de Empresas do Papagaio constitúe un recurso fundamental para abrir oportunidades laborais e formativas á cidadanía de forma accesible e aberta, ao tempo que lembrou que estas actividades forman parte da estratexia impulsada polo Goberno municipal para consolidar este espazo como referente en formación e emprendemento.
A formación ten como principal obxectivo capacitar ás persoas participantes para comprender e utilizar a analítica dixital nos seus negocios sen necesidade de contar con coñecementos técnicos previos. Durante as sesións abordarase a implementación dun ecosistema básico de medición desde cero, empregando ferramentas como Google Analytics, Google Tag Manager e a conexión con plataformas publicitarias como Google Ads e Meta Ads.
Ademais, o alumnado aprenderá a interpretar datos e a tomar decisións baseadas na información obtida, desenvolvendo unha maior autonomía na análise do rendemento das súas iniciativas empresariais. Ao remate do curso, os participantes estarán en disposición de avanzar na dixitalización dos seus procesos de toma de decisións, reforzando a súa capacidade competitiva nun contexto cada vez máis orientado ao uso dos datos.
A metodoloxía terá un marcado carácter práctico. Ao longo das catro sesións, os asistentes traballarán na creación dun sistema completo de medición para coñecer mellor o comportamento dos usuarios nun sitio web, identificar as accións que realizan e utilizar esa información para detectar oportunidades de mellora e avaliar resultados.
O programa inclúe unha primeira sesión dedicada á comprensión do ecosistema dixital, explicando de forma sinxela o funcionamento dunha páxina web, o papel da analítica dixital e a relación entre datos e márketing. Na segunda sesión abordarase a configuración das principais ferramentas de medición e a definición das accións clave que se queren analizar, como formularios, compras ou solicitudes de información.
A terceira xornada centrarase na análise dos datos a través de Google Analytics 4 e na interpretación da información para responder a cuestións estratéxicas do negocio. Finalmente, a cuarta sesión estará dedicada á creación de cadros de mando, coa identificación dos indicadores clave de rendemento, a organización da información e o deseño dun dashboard operativo para o seguimento diario da actividade empresarial.
Para participar será necesario dispoñer dun ordenador portátil propio e dunha conta activa de Google. Recoméndase tamén contar cunha páxina web, aínda que este requisito non é imprescindible. A inscrición poderá formalizarse a través da ligazón habilitada polo Concello.