O Centro de Arte FMJJ abre a inscrición para dous campamentos de verán na Coruña

O Centro de Arte da Fundación María José Jove abre este venres o prazo de inscrición para os seus campamentos de verán, unha programación pensada para achegar a infancia e a adolescencia á arte contemporánea a través da experimentación, o contacto coa contorna e a reflexión sobre a sustentabilidade.
As actividades desenvolveranse en horario de mañá nas instalacións do centro e inclúen dúas propostas diferenciadas segundo a idade dos participantes. A primeira delas, 'A lomos de una nube', está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos e celebrarase do 29 de xuño ao 24 de xullo. O programa poderá realizarse por semanas ou durante o mes completo.
Esta iniciativa, deseñada xunto ao colectivo La Querencia e o departamento de Educación e Mediación do Centro de Arte FMJJ, toma o clima como punto de partida para investigar e crear. O campamento dividirase en catro semanas temáticas, nas que se abordarán cuestións como a relación entre o corpo, o sol, a alimentación ou a roupa, a observación de fenómenos atmosféricos como as nubes e os ventos, ou as transformacións do clima vinculadas ao consumo enerxético e ás emisións.
A última semana estará centrada no deseño e construción colectiva dun refuxio climático, unha proposta coa que os participantes porán en común os coñecementos adquiridos ao longo do mes.
Para adolescentes de entre 13 e 16 anos, o centro propón 'Construir un cuerpo colectivo', un laboratorio de experimentación artística que se desenvolverá do 29 de xuño ao 3 de xullo. A actividade tomará como escenario a paisaxe atlántica da Coruña e estará impartida pola artista téxtil e química Reyes Pe, o equipo de deseño e investigación Sirope Lab e a mediadora cultural Teresa Mata.
Durante esta semana, os participantes traballarán con biomateriais, tinguiduras naturais e técnicas fotográficas artesanais como a antotipia. O programa combinará saídas ao territorio con traballo manual, co obxectivo de recoller materiais, observar texturas e elementos vexetais da contorna e conectar a práctica artística coa memoria do lugar.
O campamento para adolescentes rematará coa creación dunha peza colectiva, branda e habitable, que recollerá o proceso desenvolvido durante toda a semana.
As inscricións xa poden realizarse a través da web do Centro de Arte FMJJ. 'A lomos de una nube' celebrarase do 29 de xuño ao 24 de xullo, mentres que 'Construir un cuerpo colectivo' terá lugar do 29 de xuño ao 3 de xullo.