O centro comercial Marineda prepárase para unha gran protesta polo futuro do comercio

ACoruñaXa
O sindicato CIG convoca paros de 24 horas e concentracións na Coruña para esixir salarios xustos e melloras organizativas fronte á precariedade
A CORUÑA folga comercio arte
13 Jul 2026

O sector comercial de Galicia encamiña un período estival de forte conflitividade laboral. A federación de CIG-Servizos fixo pública unha nova folla de ruta con mobilizacións e paros co obxectivo de reclamar condicións dignas, salarios xustos e frear a precariedade estrutural que afecta as traballadoras e traballadores do sector. Esta nova fase de presión social dará continuidade ás protestas desenvolvidas os pasados meses de marzo e abril.

O calendario de accións reivindicativas inclúe dúas xornadas de folga total de 24 horas convocadas para o domingo 26 de xullo e o sábado 15 de agosto en todo o territorio galego. Así mesmo, programáronse concentracións nas sete grandes comarcas para o vindeiro venres 17 de xullo e o venres 7 de agosto. Na área herculina, a protesta deste venres terá como escenario principal o centro comercial Marineda na Coruña, onde os empregados están chamados a manifestarse ás 12.00 horas.

A central sindical xustifica estas medidas polas profundas mudanzas estruturais que experimenta o sector, aceleradas polo auxe do comercio electrónico. Segundo expoñen, as empresas aplican sistemas organizativos que reducen os cadros de persoal, incrementan as cargas de traballo e evitan cubrir as baixas ou vacacións. Esta conxuntura afecta de xeito maioritario a mulleres con contratos a tempo parcial, dificultando a conciliación debido a xornadas partidas e á obrigatoriedade de traballar domingos e festivos sen compensacións nin respecto aos descansos legais. O sindicato alerta de que a saúde do persoal está a verse prexudicada, cun aumento notable de baixas por estrés, ansiedade e doenzas músculo-esqueléticas.

A maiores, a CIG cualifica as retribucións actuais como salarios de subsistencia que apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional en moitos convenios provinciais. A central denuncia un ataque á negociación colectiva en Galicia por parte da patronal estatal, acusándoa de abrir mesas de diálogo en Madrid para recortar dereitos históricos conquistados no país. Como exemplos salientan o convenio de ARTE (Asociación de Retail Textil España), que rebaixa as condicións de cadeas de téxtil e calzado respecto aos marcos provinciais, e as negociacións do Acordo Marco de Distribución Alimentaria.

As principais demandas do colectivo céntranse no incremento de persoal mediante a conversión de xornadas parciais en completas, horarios estables que garantan o descanso e a voluntariedade en festivos, pluses salariais por polivalencia e a creación dun Acordo Marco Galego de Comercio que protexa os marcos provinciais fronte aos estatais.

0.12551283836365