O CEIS As Mariñas reforza o seu papel como referencia ética nos servizos sociais coa Memoria 2025

O Comité de Ética en Intervención Social (CEIS) As Mariñas presentou a súa Memoria Anual 2025, un balance no que resume as actividades, avances e liñas de traballo desenvolvidas durante o último ano para consolidar a ética como eixo da intervención social no ámbito do Consorcio As Mariñas.
A memoria debuxa un comité que gaña peso como espazo independente de reflexión, asesoramento e acompañamento profesional, co obxectivo de impulsar prácticas respectuosas cos dereitos das persoas e sustentadas na dignidade, a responsabilidade pública e a deliberación ética. A presidenta do órgano, Serezabel Rodríguez, subliña que 'a ética non é un fin en si mesma, senón unha maneira de facer intervención social, situando o benestar das persoas no centro de cada decisión'.
Un dos puntos que destaca o documento é o carácter interdisciplinar do CEIS, integrado por 24 profesionais de ámbitos sociais, educativos, sanitarios, xurídicos e do terceiro sector. Esa composición, sinalan, permite abordar dilemas complexos desde perspectivas complementarias e cunha visión máis ampla das realidades sociais ás que se enfrontan os servizos.
No plano da actividade, 2025 estivo marcado pola formación e a proxección institucional. Entre as accións máis salientables figura o Curso Avanzado de Ética en Intervención Social, incluído no Plan de Formación 2024-2025, orientado a reforzar a toma de decisións en contextos de especial complexidade. O CEIS organizou tamén a xornada profesional 'A ética como soporte da intervención social', celebrada en Abegondo, cun formato que incorporou de xeito directo as voces da cidadanía ao debate.
A memoria recolle ademais a participación do comité en espazos académicos e congresuais, como o XXVI Ateneo de Bioética na Coruña, o XVII Congreso Nacional de Bioética en Teruel e o I Congreso de Ética en intervención social en Valencia, co obxectivo de manter conexión coas redes de coñecemento e co debate ético contemporáneo.
No funcionamento interno, o CEIS celebrou sete reunións (cinco ordinarias e dúas extraordinarias), cunha participación media próxima ao 70%, e mantivo a vontade de descentralizar as sesións polos distintos concellos do Consorcio. O traballo estruturouse tamén en grupos temáticos (comunicación, recomendacións, avaliación, revisión normativa e investigación) e incorporou un novo grupo, o CEIS de Proximidade, para achegar a reflexión ética ao Servizo de Axuda no Fogar.
De cara ao futuro, a Memoria 2025 identifica retos como avanzar na incorporación progresiva das persoas usuarias aos procesos deliberativos, reforzando o carácter participativo e democrático da ética aplicada. O documento completo está dispoñible para consulta pública na web do Consorcio As Mariñas.