O CEIP Pedro Barrié de la Maza estrea pistas deportivas tras unha reforma de máis de 140.000 euros

ACoruñaXa
A actuación permitiu renovar máis de 1.600 metros cadrados de superficie, mellorar o pavimento e reforzar a seguridade das instalacións exteriores do centro educativo
SADA ceip pedro barrié
25 Nov 2026

O alumnado do CEIP Pedro Barrié de la Maza de Sada xa pode gozar dunhas pistas deportivas completamente renovadas. O Concello rematou os traballos de mellora destas instalacións exteriores, que suman máis de 1.600 metros cadrados e contan agora con novos pavimentos e mellores condicións para a práctica de distintas disciplinas deportivas.

A intervención incluíu a nivelación do firme e a aplicación dun revestimento deportivo de resinas acrílicas, ademais da renovación das marcaxes regulamentarias para xogar ao baloncesto, voleibol, fútbol sala e balonmán. Deste xeito, o espazo queda preparado para acoller diferentes actividades deportivas e educativas en mellores condicións.

A reforma tamén chegou a outros elementos das instalacións. Reparouse a bancada e instaláronse novas varandas e pasamáns, actuacións destinadas a reforzar a seguridade das persoas que utilizan as pistas.

O proxecto supuxo un investimento superior aos 140.000 euros, financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña.

Desde o Concello de Sada, a través das concellarías de Educación e Deporte, destacan que esta actuación forma parte do traballo municipal para mellorar as instalacións dos centros escolares. O goberno local sinala que estas intervencións se consensúan coas propias comunidades educativas para atender as necesidades do alumnado.

0.16879200935364