O CEIP de Teixeiro centra un novo debate no Parlamento pola súa posible ampliación

A situación do CEIP de Teixeiro, no municipio de Curtis, chegou ao Parlamento galego a través dunha pregunta do Grupo Socialista, que reclama á Xunta unha ampliación urxente das instalacións ante o incremento do alumnado rexistrado na última década.
A deputada socialista Silvia Longueira alertou de que o centro pasou de 137 estudantes no ano 2016 a 205 no 2026, o que supón un aumento arredor do 45 por cento. Segundo a parlamentaria, este crecemento demográfico, que debería ser unha boa nova para o rural, converteuse nun problema educativo pola falta de planificación e de investimento.
Longueira advertiu de que, de cara ao vindeiro curso, 'o máis probable é que non existan aulas suficientes para escolarizar ao novo alumnado'. Tamén puxo o foco no comedor escolar, que pasou de atender a 80 nenos e nenas en 2014 a 166 na actualidade. A comunidade educativa, segundo trasladan os socialistas, reclama máis persoal de apoio e melloras nas instalacións, especialmente pola presenza de pingueiras e humidades.
A Xunta, pola súa banda, rexeita que o CEIP de Teixeiro precise novos espazos neste momento. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, defendeu na Cámara que as instalacións actuais son suficientes para o alumnado existente e tamén para cubrir as previsións de demanda nos próximos cursos.
O representante da Consellería sinalou que o CEIP de Teixeiro ofertou este curso 310 prazas, das que máis de 100 están libres, o que supón un 33 por cento de vacantes. Engadiu tamén que o CEIP de Curtis ten 129 prazas ocupadas das 215 ofertadas, polo que o 40 por cento permanecen baleiras.
'Estes datos demostran que a rede educativa do concello ten marxe suficiente para absorber a demanda sen crear novos espazos no CEIP de Teixeiro', afirmou Manuel Vila, que asegurou que a Consellería avalía de maneira constante as necesidades dos centros.
A Xunta lembrou ademais que nos últimos anos investiu máis de 3,15 millóns de euros na mellora dos centros educativos de Curtis. Entre as actuacións destacou a ampliación dos talleres de FP do instituto, cun investimento de 1,3 millóns de euros, a rehabilitación integral realizada en 2023 por preto de 1 millón de euros, a reparación da cuberta do CEIP de Teixeiro e a renovación das fiestras e outras melloras no CEIP de Curtis.