O Castro de Elviña contará con novas melloras de accesibilidade cun investimento de máis de 150.000 euros

GaliciaXa | ACoruñaXa
As obras permitirán acondicionar a entrada principal ao xacemento mentres continúan outras dúas actuacións para reforzar os servizos e a protección do recinto
A CORUÑA castro elviña
16 Aug 2026

O Concello da Coruña dará un novo paso no plan de actuacións previsto para o xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña coa execución de obras destinadas a mellorar a accesibilidade na contorna da entrada principal. A intervención suporá un investimento superior aos 150.000 euros e xa foi adxudicada á empresa López y Leis.

Os traballos estarán centrados no acondicionamento do acceso a este enclave, considerado un dos principais elementos da rede de Museos Históricos da Coruña. A actuación incluirá tamén medidas específicas destinadas a mellorar as condicións de visita ao xacemento.

Esta intervención súmase a outras dúas que se atopan actualmente en execución no Castro de Elviña. Por unha banda, está en marcha a construción dun centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas. Pola outra, estase creando un novo valado perimetral arredor do xacemento, unha actuación orientada a reforzar a súa protección e conservación.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia do conxunto de intervencións previstas e sinalou que son “necesarias para cumprir o noso obxectivo de revitalizar o Castro de Elviña, sendo como é unha das principais xoias patrimoniais da cidade”.

Entre as tres actuacións —as melloras de accesibilidade, o novo centro de apoio e o valado perimetral— o Concello da Coruña destinará máis de 750.000 euros á mellora e posta en valor do xacemento arqueolóxico.

0.12922811508179