O Castelo de San Antón inicia unha renovación clave cun investimento de máis de 400.000 euros

O Concello da Coruña iniciará as obras de renovación da instalación eléctrica do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, unha actuación que permitirá modernizar as infraestruturas dun dos principais espazos patrimoniais da cidade. O proxecto conta cun investimento superior aos 400.000 euros, financiado con fondos do Estado a través dunha subvención do Ministerio de Industria e Turismo obtida polo Goberno municipal.
A intervención centrarase na renovación integral da rede de subministración eléctrica do museo. Ademais da substitución das instalacións actuais, adecuaranse as canalizacións e crearase un novo trazado para as redes de distribución eléctrica, hidráulica e de telecomunicacións. O proxecto tamén contempla actuacións na rede de fontanería e a mellora do acceso ao castelo mediante a renovación do pavimento da rampla situada entre a Casa do Botero e o recinto amurallado.
Os traballos, forman parte dun plan máis amplo de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico da Cidade Vella. Ademais da intervención en San Antón, o financiamento estatal permitirá desenvolver outras seis actuacións: a restauración da praza de Santa Bárbara, a rehabilitación do mausoleo de Sir John Moore, a posta en valor da Casa da Sinagoga, a recuperación do xacemento de San Francisco, a mellora da sinalización patrimonial dos elementos declarados Ben de Interese Cultural e do rueiro da Cidade Vella, e a restauración da praza de Azcárraga.
Segundo informou o Concello, as actuacións na praza de Santa Bárbara, o mausoleo de Sir John Moore e a Casa da Sinagoga xa se atopan en fase de licitación, mentres que as tres restantes sairán a concurso nas próximas semanas.
Estas obras enmárcanse tamén na estratexia municipal para reforzar a rede de Museos Históricos da Coruña. Neste sentido, o Concello lembra que tamén continúan avanzando os traballos no Castro de Elviña, onde se está a construír un novo centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e un novo valado perimetral para mellorar a seguridade do xacemento.
A rexedora subliñou que estas actuacións contribuirán a potenciar dous dos principais espazos arqueolóxicos da cidade e a mellorar a experiencia das persoas visitantes, nun contexto no que as visitas guiadas e actividades divulgativas continúan rexistrando unha elevada participación ao longo do ano.